O festival internacional de animación na rúa, Itineranta, celebrará esta semana a súa duodécima edición con espectáculos móbiles nas prazas e rúas do centro histórico pontevedrés.
Entre as 20 e as 23 horas desde o mércores ata o venres, catro vistosos pasacalles percorrerán a zona vella da Boa Vila para sorprender aos peóns con espectáculos variados nos que non faltará o lume, as acrobacias ou a interacción co público.
"Itineranta é para saír á rúa e deixarse levar. É para gozalo", declarou o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, na presentación do evento na que tamén estivo presente Sergio Rodríguez, da compañía Troula. "Hai que saír á rúa e que pasen cousas. Poden aparecer mil historias", declarou o animador.
Itineranta trátase dun festival "moi asentado" na axenda cultural de verán de Pontevedra. Nesta edición participarán nove compañías procedentes de diversos recunchos do país, ademais haberá unha de Portugal.
Cada itinerario terá unha duración aproximada dunha hora e os espectáculos poden chegar a solaparse un con outro e mesmo coincidir na mesma hora e lugar.
Ao longo dos tres días de festival están programados once espectáculos diferentes.