A candidata de Podemos Galicia nas eleccións autonómicas deste domingo 18 de febreiro, Isabel Faraldo, fixo un chamamento á participación para lograr "un cambio" en Galicia.
Faraldo exerceu o seu dereito ao voto no centro social Sacra Familia da Coruña e sinalou que a campaña electoral foi "un escenario moi moi difícil" para Podemos e que foron a única formación que puxo sobre a mesa "esas cousas que ninguén se atreve a pedir". Ese, asegurou, é "o auténtico valor de Podemos, esa valentía e esa transformación".
En declaracións aos medios indicou que as xornada de votación son "días fermosos da democracia nos que a cidadanía sae a pronunciarse" e agradece o esforzo "a todas as persoas que fan posible estes procesos electorais".
Nunha mensaxe na rede social X, Podemos Galicia lembrou aos galegos: "Lembra que hoxe o teu voto vale o mesmo que o de teu xefe ou xefa, ca o de Amancio Ortega...".