Isabel Couselo deixa a Deputación para ser a nova xefa territorial de Cultura

Pontevedra
26 de decembro 2024

O seu substituto na corporación provincial será o alcalde de Portas, Ricardo Martínez. Non transcendeu se manterá as mesmas competencias ou se Luis López redistribuirá as áreas de goberno

Isabel Couselo e Luis López, nun acto en Cuntis
Isabel Couselo e Luis López, nun acto en Cuntis / Deputación de Pontevedra

Ano e medio despois da súa chegada ao goberno provincial, Isabel Couselo, unha das deputadas con maior proxección no executivo de Luis López, deixará o seu cargo.

Farao a petición propia, segundo confirman a PontevedraViva fontes do organismo provincial.

A até o de agora responsable da área de Infraestruturas públicas, mobilidade e contratación renunciará á súa acta de deputada no pleno deste venres.

Couselo, portavoz do PP en Cuntis, será nomeada nuns días como nova xefa territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Pontevedra.

O seu substituto na corporación provincial será o alcalde de Portas, Ricardo Martínez.

Por agora, non transcendeu se manterá as mesmas competencias que a súa antecesora ou se ben Luís López aproveitará este cambio para redistribuír as áreas de goberno.

Isabel Couselo, nacida en Cuntis en 1977, é enxeñeira técnica forestal e de obras públicas.

Tras pasar polo sector privado, desde 2011 é funcionaria técnica de Medio Ambiente e Sostemento de Espazos Públicos no Concello de Pontevedra.

Ademais, é concelleira e portavoz do grupo municipal do Partido Popular en Cuntis e foi elixida deputada provincial nas eleccións de 2023.