A Xunta de Galicia, a través do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou un proxecto para a mellora das instalacións deportivas e de lecer do CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión, en Vilanova de Arousa.
Cun investimento de preto de 675.000 euros, a obra consistirá na construción dun espazo multifuncional.
A intención da Xunta é que sirva tanto para as clases de Educación Física como para patio cuberto, adaptándose aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica que promove espazos flexibles nos centros educativos.
A nova infraestrutura, que se prevé para 2025, incluirá un patio cuberto de 400 metros cadrados con paneis tipo sándwich opaco e policarbonato translúcido.
Tamén está previsto que acolla un almacén de 190 metros cadrados aproveitando o desnivel do terreo.
Esta actuación súmase ás melloras recentes no centro, como a renovación da fachada e luminarias exteriores, cun investimento total de máis de 2 millóns de euros en Vilanova de Arousa nos últimos anos.
A intervención, consensuada coa comunidade educativa, busca responder ás necesidades actuais do centro e mellorar as condicións para o alumnado, especialmente nos días de choiva.
O conselleiro de Educación visitou, acompañado do alcalde Gonzalo Durán e do delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, as instalacións durante este venres para anunciar esta intervención.