A Conselllería de Medio Ambiente invertirá 395.934,36 euros e os gastos de expropiación nas obras de mellora da rúa Bernardo Sagasta de Cuntis. A obra foi adxudicada pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e terá un prazo de execución de seis meses.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acudiu este martes ao Concello de Cuntis para anunciar a licitación ao alcalde, Antonio Pena, e explicar que afectará a 880 metros da estrada PO-220 (Pino - Cuntis).
"A estrada PO-220 encádrase dentro da Rede Secundaria da Xunta de Galicia e na actualidade o tramo da rúa Bernardo Sagasta presenta unha serie de carencias que inflúen na seguridade viaria do peón e vehículos que transitan por ela", asegurou o delegado territorial e explicou que a actuación que ven de licitarse "incidirá favorablemente no desenvolvemento do municipio e benestar dos 4.992 habitantes de Cuntis.
Segundo apuntou o delegado territorial, procederase a renovar o firme da calzada e suprimir un sentido de circulación, xa que na actualidade o ancho dispoñible para ambos sentidos de 4,25 metros é inferior ao que marca a lei de accesibilidade. Tamén se renovará o ensanche das beirarrúas existentes e se procederá a pintar novos pasos de peóns e adaptar a sinalización horizontal e vertical do treito.
Como consecuencia destas medidas substituiranse os distintos dispositivos hidráulicos para adaptalos á nova xeometría da calle e recolocaranse os actuais báculos de iluminación que presentan un bo estado de conservación. Finalmente procederase a humanización da estrada coa colocación de zonas axardinadas e mobiliario urbano.
Segundo recolle a Xunta nun comunicado, Antonio Pena agradeceu a implicación da Consellería de Medio Ambiente, recordando que se trata da principal estrada do concello e "dadas as carencias e deficiencias que presenta este vial un dos máis importantes da localidade xa que se trata da vía de acceso aos balnearios e ao casco antigo e onde, por exemplo, se instalaron as alfombras florais do Corpus Christi o pasado fin de semana".