A obra de rehabilitación integral do CPI Julia Becerrá Malvar, no municipio de Ribadumia, foi adxudicada, segundo publica a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O importe dos traballos supera os 842.356 euros.
Segundo anuncia a Xunta de Galicia, as obras comezarán en setembro e compatibilizaranse co inicio do curso escolar, sempre atendendo ás máximas medidas de seguridade sanitaria e de prevención de riscos. Os traballos desenvolveranse ao longo de tres meses.
Está previsto que se mellore a eficiencia enerxética do centro coa renovación da cuberta por panel sandwich nos edificios de Primaria e Secundaria, ademais de aplicar un illamento das fachadas dos tres edificios que componene o Centro Público Integrado.
Cambiaranse as xanelas do edificio de Primaria por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén está prevista a instalación de equipos LED con regulación da luz e detectores de presenza en zonas comúns nos tres edificios educativos. A estes cambios únese a implatanción dun sistema de biomasa no edificio de educación infantil.
Os falsos teitos renovaranse en Primaria e Secundaria, e mellorarase a accesibilidade coa instalación dun ascensor con pasarela que comunicará o lado dereito co esquerdo da planta alta do edificio de Primaria. Tamén se poñerá en marcha o ascensor no de edificio de Secundaria, segundo anuncian desde a Consellería.