A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá unha nova prórroga do servizo de limpeza e esterilización anti Covid-19 das zonas de xogo cunha achega económica de 153.481,87 euros. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, avanza que o Concello está a desenvolver “un acordo marco que permitirá manter de xeito indefinido a desinfección á que volve obrigar o último decreto da Xunta".
A Xunta aprobou a prórroga do contrato na mañá do luns 1 de marzo, que permitirá realizar a desinfección e limpeza diaria dos 62 parques infantís de Pontevedra durante os vindeiros catro meses. A achega económica por parte da Concellería supón un investimento de 1.258 euros ao día, para poder cumprir cos requirimentos de esterilización que a Xunta de Galicia esixe dende o pasado verán, e que volve reiterar na súa última orde publicada no DOG do xoves 25 de febreiro.
Iván Puentes avanza que, en paralelo a esta prórroga, o Concello está a tramitar un procedemento de contratación ordinario no que, "rematado este período de 122 días, permitirá manter de xeito indefinido no tempo a desinfección en profundidade á que nos obriga o Goberno autonómico". A orde da Consellería de Sanidade do 25 de febreiro, pola que se establecen as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da covid-19, sublíñase que "deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire a proceder diariamente á limpeza e desinfección destes espazos nas áreas de contacto das zonas comúns", facendo referencia aos xogos das zonas infantís, aparellos de actividade física ou outro mobiliario urbano de uso compartido.
O concelleiro incide no esforzo económico que supón a limpeza e desinfección dos parques infantís, e para a que están a destinar catro brigadas de dúas persoas cada unha para realizar estes traballos tódalas noites, entre as 00:00 e as 7:00 horas. A desinfección é realizada tanto nos 40 parques infantís do casco urbano, como en todos aqueles das zonas rurais, para posibilitar o seu uso dende primeira hora da mañá. A limpeza é efectuada todas as noites, e permiten que o Concello cumpra coa normativa imposta pola Xunta "sen que a Administración autonómica asuma nin un peso deste gasto extra", sinala Puentes.
O edil do PSOE tamén indicou que "durante a execución rutinaria destes traballos constatouse a necesidade de realizar un tratamento con máquina sopradora antes da aplicación de desinfectante para que este chegue a tódolos espazos". Asemade, nestas tarefas de limpeza tamén se detectaron algunhas roturas e/ou desperfectos, que tamén se están a corrixir a diario para garantir unha mellora nas condicións dos parques infantís.