A Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo asinarán un convenio para investir preto de 1,2 millóns de euros para mellorar a mobilidade peonil na EP-9208 Noalla - Aios.
Deste orzamento, a Deputación financiará o 80%, é dicir, 950.0000 euros, e o Concello o 20% restante, preto de 240.000.
As obras nesta estrada contemplan a creación dun itinerario peonil duns 960 metros de lonxitude.
Este itinerario peonil dará continuidade á senda xa desenvolvida pola Deputación entre núcleo de Noalla e a praia da Lanzada.
Para iso construirase na marxe dereita da estrada unha senda peonil de formigón coloreado de ancho mínimo de 2,50 metros, redistribuíndo os espazos existentes na plataforma.
Renovarase tamén a capa de rodaxe da calzada con mestura bituminosa en quente e acondicionaránse as frontes da marxe esquerda mediante soleira de formigón ou cuneta transitable de formigón.
Ademais, dentro das actuacións proxéctase tamén a renovación, mellora e reubicación das paradas de autobús e a execución de pasos de peóns elevados.
Por último, o proxecto inclúe a renovación da rede de drenaxe, do alumeado público e luminarias, a colocación de mobiliario urbano e o soterramento da rede eléctrica e telecomunicacións.