A Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta unha investigación para aclarar un roubo producido esta semana nas instalacións do campo de tiro usado pola Garda Civil en Cernadiñas Novas, situado entre as parroquias pontevedresas de Bora e Xeve.
Responsables da Garda Civil presentaron unha denuncia na Comisaría da Policía Nacional este martes 27 de marzo por ser ese o Corpo responsable da seguridade nesta zona do municipio. A denuncia relata que o roubo se produciu horas antes, a unha hora que non se puido determinar aínda.
Fontes da Policía Nacional confirmaron que a denuncia recolle que os responsables das instalacións decatáronse do roubo pola mañá, cando chegaron a Cernadiñas Novas e atopáronse con que a xanela de acceso á oficina estaba aberta.
Finalmente, comprobaron que o ladrón ou ladróns inutilizaron varias cámaras de vixilancia para poder perpetrar o roubo sen que quedase recollido en imaxes e tambén había danos en varios puntos das instalacións.
Os responsables do campo de tiro botaron en falta 2.000 euros en metálico e unha cantidade de munición que non puido ser concretada.
Tras presentarse a denuncia, ao longo da xornada deste martes desprazáronse ata Cernadiñas Novas efectivos da Brigada de Policía Científica da Comisaría de Pontevedra, que realizaron unha inspección de todas as instalacións en busca de probas e evidencias que permitan localizar aos responsables.