A Garda Civil mantén aberta unha investigación para localizar aos dous sospeitosos que na mañá do sábado atracaron un negocio de cereais de Vilaboa a punta de pistola.
Segundo confirmou a Garda Civil, levaron como botín todo o diñeiro que había na caixa rexistradora.
Todo ocorreu sobre as 10.00 horas do sábado, 7 de setembro. Dúas persoas coa cara cuberta con máscaras sanitarias entraron no negocio e ameazaron ao persoal armados con armas curtas.
Así, a punta de pistola, pediron ao persoal que lles entregasen o contido da caixa rexistradora e, co botín na man, abandonaron o local, situado na parroquia de Paredes.
Os propietarios do negocio xa formalizaron a denuncia correspondente, segundo confirmou a Garda Civil.
De momento, non transcendeu o importe do botín e os responsables do negocio descartaron facilitar información a PontevedraViva.