A Policía Nacional investiga unha denuncia presentada por un veciño da parroquia pontevedresa de Marcón ao que durante os últimos días do mes de decembro lle roubaron diñeiro e xoias na súa vivenda.
Veciños desta parroquia pontevedresa alertan de que durante a recta final do ano houbo varios roubos en vivendas da zona, en todas elas forzando xanelas e aproveitando unha ausencia breve dos propietarios.
Con todo, oficialmente na Comisaría Provincial da Policía Nacional tan só ten constancia dunha denuncia nestes días en Marcón.
A denuncia formalizouse o día 23 de decembro, aínda que o veciño afectado indicou que o roubo se produciu uns días antes, entre o 20 e o 21.
Esta persoa entrou na parcela da súa vivenda e xa atopou unha caixa e unha bolsa onde adoita gardar as xoias tiradas na propiedade.
Unha vez que chegou á casa, comprobou que forzaran unha xanela do segundo piso e que deixaran a casa revolta.
Finalmente, segundo indicaron fontes policiais, leváronlle 500 euros en efectivo e xoias: pendentes e un anel.
Os feitos están agora en investigación.