A Policía Local de Vilagarcía denunciou esta fin de semana ao dono dun cabalo que estaba atado baixo o sol e sen auga para beber nunha finca de Trabanca Badiña.
O caso, que se investiga como un presunto delito de maltrato animal, foi denunciado polos veciños da zona, que advertiron que esta situación se viña repetindo desde hai tempo.
O animal estaba soportando as elevadas temperaturas rexistradas baixo o sol e sen poder buscar refuxio á sombra por atoparse atado.
Ademais, o barreño que supostamente tiña para beber, estaba completamente baleiro.
O propietario, que se desprazou ao lugar tras ser avisado polas autoridades, alegou que "o cabalo non tiña sede", algo que non cadra coa situación do propio animal.
O cabalo, segundo a Policía Local, baleirou en escasos minutos o barreño que lle enchera o persoal de Emerxencias que fora avisado polos axentes.
Dado que a situación, segundo lle consta á Policía, non era a primeira vez que acontecía, deuse parte ao departamento de Medio Ambiente en base á normativa sobre benestar animal.