Investigan doce furtivos que incumpriron o estado de alarma para coller ameixa e un mariscador con licenza que a vendía en Carril

O Salnés
03 de novembro 2020

Estas 13 persoas teñen agora a condición de investigadas. Aos 12 furtivos atribúenselle presuntos delitos de furtivismo e a outra persoa os presuntos delitos contra a flora e a fauna, receptación e contra a saúde pública.  A operación concluíu cando os axentes sorprenderon o mariscador na lonxa de Carril intentado vender 27 quilos de ameixa  

Ameixas da ría
Ameixas da ría / Juan Mejuto

Sucedeu en pleno estado de alarma, a mediados do mes de marzo. Como resultado de diferentes dispositivos de vixilancia, observouse un aumento significativo da presenza de furtivos nas praias de Boiro, Cabo de Cruz e Rianxo, na Ría de Arousa, o cal indicaba que a pesar das restricións existentes vixentes polo estado de alarma, os furtivos dispoñían dunha canle de saída para o marisco.

Axentes do Grupo ERPOL  da Policía Autonómica de Santiago e os Gardacostas de Galicia abriron unha investigación, que bautizaron como 'operación Aixam', e, como resultado, lograron deter a doce furtivos e á persoa que lles axudaba a colocar a ameixa, un profesional que traballa en Carril, en Vilagarcía. 

Estas 13 persoas teñen agora a condición de investigadas. Aos 12 furtivos atribúenselle presuntos delitos de furtivismo e á outra persoa os presuntos delitos contra a flora e a fauna, receptación e contra a saúde pública.  

Despois de varios operativos de investigación, os policías lograron localizar a unha persoa que presuntamente se dedicaba a mercarlle aos furtivos o marisco ilegalmente extraído para logo introducilo de maneira fraudulenta na cadea alimentaria. Dita persoa mercaba a ameixa e trasladábaa nun vehículo ciclomotor ata un parque de cultivo da súa propiedade en Carril.

Unha vez alí, metía ese marisco en auga do mar para refrescalo e impedir que morrera. Despois desa operación, acudía a unha lonxa e aproveitando que estaba autorizado a realizar vendas nela ao ser produtor e ter un parque de cultivo, trataba de colocar o marisco obtido ilicitamente como si fora apañado por el. Cabe destacar que a ameixa entraba na lonxa sen ningún tipo de trazabilidade nin medida hixiénica. 

A operación concluíu cando os axentes sorprenderon a esta persoa no interior da lonxa de Carril intentado vender 27 quilos de ameixa

Os axentes realizaron un estudo das vendas de ameixa que esta persoa fixo na lonxa de Carril e descubriron que vendía ao ano ata 3.500 quilos só de ameixa xaponesa.

Este operativo deu como resultado 30 persoas identificadas, 1 vehículos inspeccionados e 13 investigados con dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Garda de Ribeira.