Investigan un condutor 'cazado' en Sanxenxo superando en máis de 80 km/h a velocidade máxima

Sanxenxo
12 de novembro 2024
Actualizado: 14:37

Trátase dun home de 40 anos. Foi detectado por un radar de de Tráfico circulando cun vehículo de alta gama na estrada VG-4.1 a unha velocidade de 182 km/h nun tramo limitado a 90

Condutor denunciado por Tráfico
Condutor denunciado por Tráfico / Guardia Civil de Pontevedra

Un veciño de Sanxenxo de 40 anos foi denunciado e está sendo investigado por un delito tras ser detectado superando en máis de 80 km/h a velocidade máxima.

Un radar do destacamento de Tráfico de Pontevedra detectouno o sábado 2 de novembro na estrada VG-4.1, á altura de Sanxenxo. Conducía un vehículo de alta gama a unha velocidade de 182 km/h nun tramo limitado a 90.

Segundo a información facilitada pola Garda Civil de Pontevedra, unha vez certificado o exceso de velocidade, o condutor foi interceptado no punto onde se atopaba a patrulla notificando as infraccións.

Nese momento xa lle confirmaron a súa investigación como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, ao exceder en máis de 80 km/h o límite de velocidade permitido en vía interurbana.

Este delito pode supoñer unha pena de prisión de ata seis meses, multa de ata doce meses ou ata noventa días de traballos en beneficio da comunidade.

Ademais, leva aparellada a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por un tempo superior a un e ata catro anos.

Desde a Garda Civil lembran que a velocidade constitúe un dos principais factores de risco que concorren nos accidentes, polo que son un grave problema de seguridade viaria, non só para os responsables senón tamén para o resto de usuarios da vía.