Investigadores non descartan baixar ao pecio do Villa de Pitanxo e consultan canto custaría

Marín
15 de setembro 2022

Os técnicos da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos conclúen que a inspección do pecio "podería contribuír a contrastar algunhas das informacións recibidas e obter outros datos ou detalles de interese para a investigación" e iniciaron consultas para determinar os medios técnicos necesarios e o custo económico 

A Garda Civil e a CIAIM investigan probas do Villa de Pitanxo trasladadas polo Playa de Menduiña Dos
A Garda Civil e a CIAIM investigan probas do Villa de Pitanxo trasladadas polo Playa de Menduiña Dos / Mónica Patxot

Os técnicos da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) que investigan o naufraxio do Villa de Pitanxo súmanse ás voces partidarias de baixar ao pecio do buque afundido en Terranova (Canadá) para poder indagar mellor sobre o ocorrido. 

Nunha comunicación emitida o pasado 5 de setembro, esta comisión dependente do Ministerio de Transportes conclúe que a inspección do pecio "podería contribuír a contrastar algunhas das informacións recibidas e obter outros datos ou detalles de interese para a investigación".

O Goberno do Estado descartou en varias ocasións a baixada ao pecio que piden as familias dos falecidos no naufraxio, pero agora esta comisión técnica discrepa co seu criterio e mesmo, segundo consta na citada comunicación, iniciáronse consultas para determinar os medios técnicos necesarios e o custo económico desta operación.

Inmediatamente despois do naufraxio, o 15 de febreiro de 2022, con perda de 21 vidas humanas, a CIAIM abriu unha investigación de seguridade marítima  para determinar as causas do accidente e obter leccións de seguridade que poidan axudar a evitar a repetición de accidentes similares. Durante os meses transcorridos desde o accidente, traballou na recompilación de evidencias documentais e toma de declaracións.

Nesta comunicación do 5 de setembro, a comisión sinala que "aínda non é posible establecer hipóteses ben fundamentadas sobre as causas deste accidente", que se determinarán ao finalizar a investigación e expoñeranse no informe correspondente que, unha vez aprobado, farase público.

Tras as primeiras análises efectuadas sobre as evidencias recompiladas, si consideran que, para contrastar diferentes hipóteses sobre as causas do accidente, é "conveniente" realizar distintas accións, non só esta posible baixada ao pecio, senón tamén realizar ensaios cun modelo a escala do buque nun laboratorio de dinámica mariña para reproducir con precisión o comportamento do buque durante o accidente e nos minutos previos.

Estes ensaios levarán a cabo no Centro de Experiencias Hidrodinámicas do Pardo (CEHIPAR), pertencente ao Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA).

Ademais, ven "conveniente" a elaboración dun estudo de clima marítimo para coñecer con detalle as condicións marítimas e meteorolóxicas no momento do accidente e nos días previos.

Este estudo encargouse ao Centro de Estudos de Portos e Costas (CEPYC) do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX).

AS FAMILIAS PIDEN UN CAMBIO DE ACTITUDE Ao GOBERNO

Tras coñecer esta postura da CIAIM, xusto no día en que se cumpren sete meses do naufraxio, as familias dos falecidos móstranse "satisfeitas" polo feito de que a Comisión se mostre "favorable á baixada ao pecio e á súa inspección".

"Ponse de manifesto que a petición das familias das vítimas do Villa de Pitanxo sempre foi fundada na legalidade, e na viabilidade da operativa, como así afirmaron todos os expertos consultados", lembra a portavoz das familias, María José de Pazo..

Ademais, sinalan que seguen "esperando un cambio na actitude do Goberno" central, debido a que, á vista desta publicación, "o goberno e os ministros son os únicos (habería que sumar á empresa Nores) que faltan por mostrar o seu apoio para o esclarecemento das causas do naufraxio".