Investigadores do grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, dependente da Universidade de Vigo, descubriron unha nova especie de libélula que habita no arquipélago das illas Fidxi.
O achado desta especie, que foi bautizada co nome científico de "Nesobasis rito", foi realizado por Anais Rivas, Adolfo Cordero e Olalla Lorenzo, que describiron este insecto nun artigo publicado na revista Zootaxa.
O estudo, que asinan tamén o estadounidense Christopher D. Beatty e as fidxianas Bindiya Rashni, Hilda Waga-Sakiti e Marika Tuiwawa, céntrase na diversidade de comportamentos das diferentes especies deste insecto alado presentes no arquipélago.
Este traballo, explica Anais Rivas, "non estaba dirixido a buscar novas especies" senón a estudar as xa existentes nas illas "xa que non se sabía nada delas".
Pero na análise xenética realizada aos exemplares estudados puideron confirmar a existencia desta nova especie que, segundo os seus descubridores, recibiu o nome de "rito" para honrar os rituais da comunidade local da aldea de Drawa.
No artigo descríbese a "Nesobasis rito" e compárase coas especies máis próximas, como a "Nesobasis comosoma" e a "Nesobasis heteroneura", presentes noutras illas de Fidxi e das que se diferencia principalmente pola forma do seu apéndice caudal, máis longo e delgado e dotado dun dente basal, ausente noutras especies.
Este "status específico", segundo Rivas, viuse posteriormente confirmado polos resultados da análise xenética, "xa que non podemos apoiarnos só na morfoloxía".
A comparación dos resultados obtidos nesta análise permitiu constatar como os exemplares desta nova libélula "aseméllanse moito entre si xeneticamente", á vez que son "claramente diferentes" dos doutras especies do xénero.
Formado por 333 illas, o arquipélago de Fidxi é o único lugar do mundo, segundo estes investigadores, onde está presente o xénero Nesobasis, do que se describiron máis de 30 especies diferentes ata a data.
"Pensamos que aínda poderían descubrirse máis", explica a investigadora da Escola de Enxeñería Forestal, porque as illas "adoitan ser fábricas de especies".
De feito, este mesmo grupo ten varias especies aínda por describir, aos que se suman outros entomólogos que traballan tamén actualmente na descrición de novas especies.
Os autores deste artigo aseguran que este traballo constitúe "outro paso máis" para poder documentar a diversidade deste grupo e profundar nos factores que a produciron.
Nese sentido, Anais Rivas subliña que un dos aspectos que levaron a este grupo para estudar este xénero de libélulas é o feito de que nalgunhas especies só se detectou a existencia de femias, o que podería apuntar a que "poderían reproducirse sen necesidade de machos"