Investigadores de Lourizán avalían en Málaga o impacto do incendio de Sierra Bermeja

Pontevedra
24 de outubro 2021

Un grupo de investigadores do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán desprazouse estes días ata Málaga para colaborar na avaliación da severidade do incendio que en setembro calcinou 10.000 hectáreas do Parque Natural Sierra Bermeja, así como o seu impacto no solo e no incremento do risco de erosión

Investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán analizan o impacto do incendio
Investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán analizan o impacto do incendio / Xunta de Galicia

Un grupo de investigadores do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán desprazouse estes días ata Málaga para colaborar na avaliación da severidade do incendio que en setembro calcinou 10.000 hectáreas do Parque Natural Sierra Bermeja, así como o seu impacto no solo e no incremento do risco de erosión.

Un equipo encabezado pola técnica Cristina Fernández supervisou especialmente as zonas de serra con alto potencial de aumento do risco hidrolóxico-erosivo, xunto con profesionais da Universidade de Valencia e da Universidade portuguesa de Aveiro, participantes todos eles no proxecto europeo EPYRIS (SOE2/P5/E0811).

O CIF de Lourizán participa dende o ano 2018 na referida iniciativa comunitaria con diferentes institucións españolas, portuguesas e francesas e colabora mostrando como usar unha metodoloxía de acción urxente para a mitigación do risco de erosión tras os incendios forestais.

Neste marco xurdiu esta colaboración nos traballos do incendio rexistrado na localidade malagueña de Jubrique. Así, os investigadores de Lourizán mostraron o seu sistema de traballo en campo para delimitar as áreas máis afectadas, baseándose nunha análise do grao de afección da vexetación e no solo. Nesa liña, localizáronse puntos de mostraxe dentro da área queimada para validar o dano na vexetación obtido a través do cálculo de índices espectrais.

As investigacións do CIF de Lourizán centráronse nestes últimos anos en desenvolver un sistema práctico e áxil de avaliación da severidade do lume no solo que reflicta os cambios producidos por este e que, ademais, ten unha correlación moi estreita coas perdas do solo.  Este sistema de avaliación está a empregarse con éxito en Galicia dende o ano 2013 para a selección das áreas de intervención urxente tras os lumes, co fin de evitar as perdas de solo por erosión. Esta metodoloxía de traballo non existe noutras comunidades autónomas ou noutros países próximos con esta mesma problemática, de aí que se solicitase a colaboración desta entidade galega.

O grupo de investigación sobre lumes forestais do Centro de Investigación Forestal de Lourizán ten unha longa experiencia sobre a análise do impacto dos lumes forestais nos solos e os seus danos colaterais como o risco de erosión. Esta experiencia está avalada pola súa participación en diferentes proxectos nacionais e internacionais e pola publicación de numerosos artigos en revistas especializadas.