Investigadores da UVigo analizan as 'fake news' e como contrarrestalas con 'fact checkers'

Pontevedra
17 de marzo 2021

O grupo de Investigación en Comunicación Sepcom está a analizar as características formais e narrativas dos contidos xerados polos verificadores de datos iberoamericanos co propósito de identificar que factores poden contribuír a facer virais estes contidos e poder así contribuír na loita contra as noticias falsas

Alberto Dafonte e Mabel Míguez, docentes e investigadores no grupo Sepcom
Alberto Dafonte e Mabel Míguez, docentes e investigadores no grupo Sepcom / DUVI

A loita contra a difusión de noticias falsas (fake news) a través das redes sociais e as aplicacións de mensaxería instantánea é un dos grandes retos aos que se enfrontan os gobernos, as grandes compañías tecnolóxicas ou os medios de comunicación.

En resposta a este fenómeno, tamén medrou nos últimos anos a visibilidade das iniciativas de verificación de datos (fact check), que fan uso destas mesmas plataformas para loitar contra a desinformación.

Neste contexto, o grupo de Investigación en Comunicación para o Servizo Público (Sepcom) da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra está a analizar as características formais e narrativas dos contidos xerados polos fact checkers iberoamericanos co propósito de identificar que factores poden contribuír a facer virais estes contidos. Este proxecto foi seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación e estenderase ata 2022.

"Sabemos que a desinformación circula de xeito moi rápido, que ten moitas vías para difundirse, e nós queremos centrarnos en coñecer que están facendo os que loitan contra ela", salienta nunha entrevista a Eduardo Muñiz para o Diario da Universidade de Vigo (DUVI) o profesor Alberto Dafonte, investigador principal xunto coa coordinadora do grupo Sepcom, Mabel Míguez.

O proxecto "Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos" ten como obxectivo analizar todos aqueles elementos que poden ter incidencia na difusión das mensaxes dos verificadores de datos, tendo en conta, como apunta Mabel Míguez, que "as estratexias que se seguen para a transmisión dos boatos non son válidas para os desmentidos, xa que o simple feito de que teñas que basearte nos datos e na obxectividade condiciona moito as túas posibilidades de viralización".

En primeiro termo, o proxecto centrarase na análise dos contidos difundidos ao longo de 2020 por 17verificadores de datos de España, Portugal, Bolivia, Brasil, Arxentina, México, Colombia, Perú, Ecuador e Venezuela.

Os investigadores deteranse nas temáticas más frecuentes nestas publicacións. Neste sentido, Dafonte explica "en estudos previos detectamos que existen certas temáticas recorrentes", como os movementos feminista e LGTBI ou aqueles centrados en cuestións de saúde. Estes últimos converteranse, por mor da covid-19, nun dos grandes protagonistas desta análise. De feito, a Organización Mundial da Saúde ten alertado nos últimos meses dos perigos que, máis aló da propia pandemia, pode xerar a "infodemia", como lembra Dafonte, que incide en que, polo xeral, tralas noticias falsas, "normalmente non hai xente que inventa unha cousa sen máis, senón grupos organizados".

A partires desta análise, o proxecto completarase coa creación dun banco de recursos para a alfabetización dixital e mediática da cidadanía, así como dun curso de formación en liña orientado principalmente a un público adulto. Do mesmo xeito, deseñaranse tamén recursos educativos abertos dirixidos ao alumnado de educación secundaria. Para 2022 prevese a organización dun congreso centrado nesta temática.