Persoal da Misión Biolóxica de Galicia, un centro que depende do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), visitaba este martes a horta de Santa Clara. En colaboración con integrantes da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), o equipo do Grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa coa investigadora María del Carmen Martínez á fronte realizaba un percorrido polos viñedos do recinto.
No terreo recollían diferentes mostras de follas e outros elementos das vides co obxectivo de acometer unha análise ampelográfica das variedades de viña que se atopan plantadas nestes terreos que pertencían á congregación das monxas clarisas ata a súa adquisición polo Concello de Pontevedra.
Carmen Salinero, responsable da EFA, especifica que se identificaron un total de 163 pés de viña, 50 no claustro e 113 na zona da horta. Esta cifra supón un 49% de exemplares vexetais que se atopan na parte exterior do convento, segundo indican desde a Deputación de Pontevedra.
Durante esta exploración tamén se recolleron mostras de follas e outros elementos pertencentes aos pés de viña nos que había dúbidas sobre a variedade á que pertencen. En todo caso, durante a visita, o persoal técnico comprobou que a maioría pertencen a pés de uva catalá.
A partir de agora, no laboratorio, estudaranse as diferentes partes das plantas e a súa morfoloxía para elaborar unha clasificación atendendo á forma, á cor, ao tamaño e outras características como o acio, o sarmento, o pámpano ou a baga. Desta forma, os especialistas poderán determinar as variedades de forma definitiva.
O persoal do CSIC realizará dúas recollidas máis. A segunda será durante o verán para comprobar as características iniciais das cepas da viña noutra fase e, por último, en setembro ou outubro, en época de vendima.