Unha poda de urxencia alivia o sobrepeso provocado polas pólas do Carballo de Santa Margarida. A intervención contribuíu a mellorar a delicada situación da centenaria árbore e a garantir a seguridade do tránsito rodado e peonil polo vial que discorre a carón da emblemática capela.
As tarefas de poda, levadas a cabo por traballadores da empresa Arbogal e do servizo municipal de Parques e Xardíns, conlevaron o despregue dun operativo coordinado por técnicos do Concello e Deputación, Policía Local e Bombeiros, obrigando a cortar un treito do vial en dirección cara ao barrio da Seca. Uns traballos que terán continuidade coa substitución dos puntais de emerxencia instalados polos Bombeiros por uns novos de carácter semiprovisional.
De supervisar o avance dos traballos nesta emblemática árbore encargáronse o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes; a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde; a directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Carmen Salinero; a xefa do Servizo Municipal de Medio Ambiente, María Formoso, e o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte.
"Os puntais que imos instalar van ser máis fixos, pero aínda provisionais", indicou Formoso. "Hai que facer un estudo en profundidade da árbore, de como queda despois das podas realizadas e de como está o estado da madeira que foi deteriorándose nestes anos, perdéndose bastante capacidade de tracción na póla. Posiblemente haberá que facer unha instalación permanente, pero teremos que ver como", engadiu a xefa do Servizo de Medio Ambiente.
A experta Camen Salinero fixo fincapé na importancia desta actuación urxente, posto que "a parte que ía cara á estrada era problemática tanto pola posibilidade de caída do carballo como de que calquera camión ou coche se puidese enganchar e arrincar pólas". Ao seu xeito de entender, o que agora toca é axudar á árbore cos seus achaques controlando as pragas.
"Ten pólas moi afectadas porque realmente esta árbore é un ecosistema e aquí viven moitas larvas, insectos ou fungos. O máis chamativo son as galerías de vacalouras, que aparecen mesmo nas ramas máis finas. Hai que axudala para que teña as súas ramas e follas ben formadas, pero estes organismos van seguir vivindo aí. Ademais, de cara ao inverno é necesario equilibrar a poda para evitar que o carballo teña esta descompensación cara a un lado. Non obstante, esta árbore ten moitísimos anos e hai un montón de documentos de moitos anos, debuxos e fotografías súas, nos que, curiosamente, vese como a copa foi cambiando de orientación: isto que agora vemos orientado cara á estrada de Santa Margarida, noutros anos estivo cara á capela e noutros cara outro lado", desvela a directora da Estación do Areeiro.
"Estase a facer é unha actuación coordinada de emerxencia para compensar o peso desa rama que estaba invadindo a estrada de Santa Margarida e que tiña certo perigo. Hai que garantir que este carballo siga vivo durante moitos anos máis, porque é unha das árbores máis antigas de Galicia, probablemente a máis antiga de todo o concello, por iso está catagolada e depende da Xunta e da Igrexa o seu mantemento, e polo tanto se trata dunha árbore senlleira, especial, que supón un activo importante que temos na cidade", declaró el alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
"Non vai vivir indefinidamente, pero imos tentar que estea con nós o maior tempo posible", puntualizou o concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes. Con este obxectivo, desde o Concello informan que existe unha solicitude de subvención da Igrexa Católica á Xunta para realizar unha actuación máis completa que permita a retirada de parte do asfalto que circunda a árbore e permita a súa rega e osixenación.