Intermodes escolle Pontevedra para celebrar en setembro o seu congreso anual

Pontevedra
06 de febreiro 2014

Segundo o goberno municipal é unha "moi boa noticia", porque entenden que fixa a Pontevedra "como referente no ámbito da calidade urbana". Esta decisión coincide coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, en Bruxelas, para entregar o premio Intermodes 2014, gañado o ano pasado por Pontevedra, ás cidades de Lyon e Utrecht

Intermodes elixiu Pontevedra para celebrar a súa reunión anual. Será os días 18 e 19 de setembro. Segundo o goberno municipal é unha "moi boa noticia", porque entenden que fixa a Pontevedra "como referente no ámbito da calidade urbana". Esta decisión coincide coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, en Bruxelas, para entregar o premio Intermodes 2014, gañado o ano pasado por Pontevedra, ás cidades de Lyon e Utrecht.

Na súa intervención, o alcalde lembrou que recibir este premio "foi unha grande honra e unha inmensa alegría". Fernández Lores sinalou que "hoxe aínda son maiores ao comprobar que somos moitas cidades as que estamos camiñando na mesma dirección", xa que asegurou que en materia de mobilidade e accesibilidade urbana "xuntos é máis fácil avanzar".

O alcalde sinalou que fronte á tendencia urbana actual "temos que romper este círculo, temos que recuperar a calidade de vida das nosas cidades reducindo drasticamente o tráfico motorizado, as molestias, perigos, ruídos e gases do tráfico motorizado". Explicou que "camiñar debe ser a mobilidade central, nodal, básica, maioritaria nas nosas cidades; despois, e nun lugar destacado, a bicicleta, despois o transporte público, e, por último, o automóbil".

Neste sentido, Fernández Lores asegurou que co modelo urbano de Pontevedra "reivindico as agrupacións humanas, o burgo, a vila, a cidade, como centro de vida económica e social, integrada, cohesionada, reivindico a cidade europea tradicional, compacta, integrada, reivindico o medio ambiente urbano, a calidade urbana, a creación dunha contorna urbana sen perigos do tráfico, sen contaminación acústica nin aérea, onde os sons dominantes sexan os dos paxaros e o das voces humanas".

INVITACION A FLORENCIA

Pola súa banda, este xoves confirmouse tamén que Pontevedra estará na 18 edición da Conferencia Europa sobre xestión de mobilidade (ECOMM), organizada pola Plataforma Europea sobre a xestión de mobilidade na cidade italiana de Florencia entre o 7 e o 9 de maio. A organización recibiu 189 colaboracións, entre as que foi escollida a de Pontevedra, que fora convidada a presentarse ao congreso.