A Policía Local de Pontevedra interceptou esta semana un vehículo que circulaba de xeito irregular pola praza de España, unha zona de alta afluencia peonil, portando no seu interior un fusil de pesca submarina de 100 centímetros.
Durante un control rutineiro de vixilancia na zona, os axentes detectaron o vehículo atravesando a praza sen ningún tipo de xustificación nunha hora de considerable presenza de viandantes.
Na inspección posterior, os axentes identificaron un fusil de pesca submarina da marca Beuchat, catalogado como arma de 7ª categoría segundo o regulamento de armas vixente.
A arma, que se atopaba ao alcance inmediato do condutor no asento traseiro, estaba en condicións totalmente operativas, co arpón instalado e as gomas sen tensión. Un aspecto especialmente grave foi a ausencia de calquera tipo de funda ou caixa protectora regulamentaria para o seu transporte.
Ao ser requirida a documentación pertinente, o condutor non puido presentar ningunha das licenzas preceptivas para a posesión e uso deste tipo de armas: nin a licenza de armas nin a licenza federativa.
Ademais, segundo a Policía Local, cando foi interrogado sobre os motivos da posesión do fusil, non foi quen de proporcionar ningunha xustificación válida.
Como resultado desta actuación policial, impuxéronse tres denuncias ao condutor: dúas por infraccións graves contempladas na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá. A primeira, por portar a arma de maneira neglixente, temeraria e intimidatoria fóra dos lugares especificamente habilitados para o seu uso.
A segunda, por non transportar o fusil nunha bolsa ou caixa homologada que garantise as medidas de seguridade esixidas. A estas sumouse unha terceira denuncia por circular sen autorización pola praza de España, unha infracción á normativa municipal de tráfico.
