Un pontevedrés de 53 anos foi interceptado pola Garda Civil por conducir o seu camión baixo a influencia de bebidas alcohólicas. O home, que xa era reincidente, multiplicaba por seis o máximo permitido para os condutores profesionais.
Os feitos, segundo explicou a Garda Civil, producíronse na madrugada de onte xoves na estrada PO-010, no termo municipal de Vigo.
Os axentes déronlle o alto ao camioneiro nun control no que se estaban revisando vehículos pesados e comprobaron que presentaba síntomas evidentes de consumir bebidas alcohólicas.
Tras realizarlle a proba, deu positivo cunha taxa de 0,87 mg/l en aire espirado, o que supón sextuplicar a taxa límite para este tipo de condutores, situada en 0.15 mg/l.
O vehículo, que transportaba pezas para a factoría viguesa de PSA-Citroën, foi inmobilizado ata que un condutor alternativo se puido facer cargo do transporte.
O condutor, que se enfronta a un delito contra a seguridade viaria, perderá o seu carné de conducir entre un e catro anos e, ademais, podería ser condenado a penas de prisión de ata seis meses, multas económicas ou traballos en beneficio da comunidade durante tres meses.