A Garda Civil e o Servizo de Guardapescas Marítimo da Confraría de Pescadores de San Telmo, interceptaron este venres un veciño de Monte Porreiro con 22 quilos de ameixa que foran extraídas ilegalmente na ría de Pontevedra.
Os feitos producíronse sobre a unha da madrugada cando o dispositivo integrado por efectivos do posto de Pontevedra e varios vixiantes da confraría detectaron a un grupo de furtivos mariscando na zona de Campelo, no municipio de Poio.
Ao decatarse do despregamento policial, os furtivos dispersáronse e conseguiuse interceptar un deles cando levaba un saco de ameixas, xusto no momento no que pretendía introducirse nun vehículo que o estaba esperando.
O vehículo conseguiu darse á fuga, pero sen o furtivo que levaba un saco con 22,480 quilos de ameixa recentemente capturada.
Unha vez interceptado, os axentes comprobaron que se trataba da mesma persoa que recentemente embestiu un coche patrulla da Garda Civil que o perseguía cando se fuxiu con outros 25 quilos de ameixa.
Nesta ocasión, o vehículo dado á fuga foi inmediatamente interceptado e unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil someteu ao condutor á proba de drogas, dando resultado positivo en cocaína e THC, polo que foi denunciado por vía administrativa.
Pola súa banda, o furtivo foi denunciado novamente por unha infracción á vixente Lei de Pesca de Galicia, ante o órgano competente da administración autonómica, podéndose comprobar que a metade da cantidade incautada non alcanzaba as dimensións mínimas esixidas para a súa captura.