O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso presentado por un particular que esixía que o Concello lle expropiase uns terreos, entre Josefina Arruti e a Avenida de Vigo, polos que pedía uns 1,9 millóns de euros.
Apelaba a un procedemento denominado expropiación por ministerio de lei, reservado para terreos destinados a un fin público e que non conten con aproveitamento lucrativo.
Pero na revisión deste procedemento, os técnicos municipais concluíron que esta parcela, que ten 379,53 metros cadrados, non procedía ser expropiada ao estar situada en chan urbano non consolidado e pendente de desenvolvemento urbanístico.
O interesado presentou un recurso ante a Sala do Contencioso Administrativo do TSXG ante a negativa do Concello, advertindo ademais que o tribunal de expropiacións de Galicia non era competente para resolver o seu asunto.
Pero os maxistrados deron a razón ao Concello e rexeitaron obrigarlle a expropiar estes terreos, impoñendo ademais unhas costas de 1.500 euros a cada unha das partes.