Intenso debate público entre Lores e Louzán sobre se debe ou non gobernar a lista máis votada

Pontevedra
04 de xullo 2014

Que opinan sobre a proposta de Mariano Rajoy para que nos concellos goberne a lista máis votada? Esta pregunta perturbou, dalgún xeito, o clima de cordialidade que ata ese momento presidira a sinatura dun convenio entre o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Ambos os dous mantiveron un intenso intercambio de pareceres sobre esta cuestión

Rafael Louzán e Miguel Fernández Lores, en pleno debate sobre a reforma da lei electoral
Rafael Louzán e Miguel Fernández Lores, en pleno debate sobre a reforma da lei electoral / PontevedraViva
Lores e Louzán sobre a proposta de Mariano Rajoy para que goberne a lista máis votada /

Que opinan sobre a proposta de Mariano Rajoy para que nos concellos goberne a lista máis votada? Esta pregunta perturbou, dalgún xeito, o clima de cordialidade que ata ese momento presidira a sinatura dun convenio entre o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Ambos os dous mantiveron un intenso intercambio de pareceres sobre esta cuestión.

O primeiro en mostrar a súa opinión foi Fernández Lores. Non dubidou en cualificar como "perversión da democracia" esa hipotética reforma da lei electoral. Asegurou que este "cambio de regras" iría en contra das demandas actuais da cidadanía, xa que supoñería unha "laminación" das minorías e mostrouse totalmente contrario á existencia mesmo de establecer unha barreira mínima de votos para lograr concelleiros ou deputados.

O alcalde pontevedrés destacou que a política do diálogo e o consenso para formar gobernos "é boa" e insistiu en que a vía de darlle capacidade executiva á lista máis votada se os partidos que poidan pactar sacaron máis apoios de forma conxunta "non é democrático", porque entende que "non representa á maioría da poboación e non respecta os votos dos cidadáns". De aí que insistise en que sería un "retroceso".

Poñendo o exemplo de Pontevedra, Lores sinalou que fronte aos 17.000 votos que sacou o Partido Popular, a suma de BNG e PSdeG-PSOE superou os 23.000, o que representa unha "maioría social" que aposta por unha coalición, porque explicou que "saben que vamos a chegar a acordos, non se di, pero tácitamente é así". Por iso reiterou que se trata dun sistema "máis xusto e máis democrático".

Pero o presidente da Deputación, Rafael Louzán, entende que "é xustamente ou contrario" e que a perversión do sistema democrático "é o que se produce agora", cando unha "coalición de perdedores" chegan a acordos para impedir que goberne a lista máis votada. Citou expresamente o caso da Illa de Arousa, onde o PP quedou a 12 votos da maioría absoluta ou o de Pontevedra, onde os tres edís do PSdeG-PSOE apoiaron o BNG.

Con este sistema, dixo Louzán, o que gaña as eleccións "pasa a non ser nadie, como nos pasa agora en Pontevedra". Recordou que o PP gaña "sistematicamente" na cidade, e non logra o bastón de mando porque remata gobernando "unha coalición entre os que perden as eleccións", un feito que, sinalou, "pervirte a vontade maioritaria dos cidadáns". E é por iso, dixo, que se fai necesaria esta reforma da lei electoral.

O debate entre ambos os dous durou máis de dez minutos, con continuos reproches sobre esta cuestión. "Eu estou plenamente convencido de que esa reforma se vai a levar cabo e que poida obter o consenso maioritario, incluído do BNG," afirmou Louzán ao final deste intercambio de puntos de vista. "Vai ser que non", concluíu Fernández Lores.