Intensifican as podas de árbores no centro urbano, con cortes puntuais de tráfico na Avenida de Bos Aires

Pontevedra
19 de abril 2024

Un dos carrís de circulación da Avenida de Bos Aires sufrirá cortes de tráfico o luns 22, martes 23 e miércoñes 24 de abril, segundo informa o Concello de Pontevedra

Talla de tres plátanos na contorna do Pavillón Universitario debido ao seu mal estado
Talla de tres plátanos na contorna do Pavillón Universitario debido ao seu mal estado / Concello de Pontevedra

Pontevedra está a vivir unha poda masiva das árbores situadas no centro urbano, dentro dun plan intensivo de mantemento.

Segundo informa o Concello, Blanco Porto, Cruz Gallástegui, Praza de San Xosé, Oliva, García Camba, Avenida de Vigo ou a Avenida de Bos Aires son os puntos nos que os operarios están a realizar traballos de poda e tamén de talla.

Nas últimas semanas a Concellería de Servizos Básicos Urbanos acometeu podas en exemplares de Cruz Gallástegui, Blanco Porto e os ficus de Castelao, uns traballos que se realizan para airear as copas e alongar a vida das árbores, ademais de para reducir os problemas que poden ocasionar as ramas aos veciños ao achegarse ás xanelas dos edificios.

Ademais podáronse as oliveiras da Rúa Oliva e a parte traseira do santuario da Peregrina, as camelias de García Camba e as magnolias da Praza de San Xosé.

Tamén se continuou coa eliminación de follas e ramas secas das palmeiras, en concreto cos exemplares da Avenida de Vigo.

Por último o Concello iniciou a talla de tres exemplares de plátanos da Avenida de Bos Aires, nas proximidades do Pavillón Universitario, ao tratarse de tres árbores secas ou con enfermidades que é necesario retirar por seguridade.

Esta talla empezou polo exemplar pegado ao pavillón, pero continuará o luns 22, martes 23 e mércores 24 de abril fronte ao centro educativo, o que provocará por unha banda a prohibición de uso do aparcadoiro exterior que alí se atopa e polo outra cortes puntuais ao tráfico dun dos carrís de circulación, o máis próximo aos edificios, en horario aproximado de 9:15 a 13:30 e de 15:00 a 18:30 horas.