Chegou o Apalpador a Soutomaior. Acompañado polo seu acordeonista, tivo unha intensa actividade durante toda a xornada deste sábados.
Durante a mañá, fixeron un intenso percorrido polos barrios. Acompañados pola concelleira de Asociacións, Charo Bouzón, iniciaron o seu percorrido na Casa do Concello, pasando por Romariz, Comboa, Aranza, Cortellas, Moreira, Lourido, Val- Sobral, Rial, Alxán e a Montesiña.
Xa pola tarde, achegouse ata o Mercado de Nadal que se inaugurou este mesmo sábado na carpa de Talo Río coa colaboración da Asociación de Empresarios/as de Arcade e Soutomaior.
Alí, o Apalpador ten unha casa na que puido recibir a todas as nenas e nenos que o desexaron e presentou seu espectáculo 'Cantos, contos e castañas'.
Na Carpa de Nadal, durante a tarde tamén se celebrou o obradoiro de modelado ‘Figuras do Apalpador’ para o público infantil e un obradoiro de maquillaxe ‘A pel das árbores' para público xuvenil.
O mercado celebrarase durante os días 21, 22, 23 e 24 de decembro durante toda a xornada e o 3 de xaneiro en horario de tarde con máis de 20 postos con artesanía local, complementos, decoración, moda e beleza, alimentación, servizos e moito comercio local.
A programación de Nadal de Soutomaior tamén acolleu este sábado no Multiusos unha das citas máis agardadas para os amantes da música, o concerto de Nadal da Banda Artística de Arcade.
A programación continúa este domingo. O Tren de Nadal que chegou o sábado estará tamén durante todo o domingo en Talo Río, en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas.
As viaxes son de balde, ao igual que todas as actividades. O único que teñen que facer os que desexen viaxar no Tren de Nadal é coller o seu ticket co horario prioritario na propia carpa.
Tamén este domingo 22, haberá panxoliñas por todos os barrios do concello cun percorrido que sairá ás 10:45 horas da Montesiña.
A partir das 13:00 haberá sesión vermú en Talo Río protagonizada por 'Los Alcántara' e pola tarde Papá Noel estará na Carpa de Nadal en horario de 16:30 a 20:30 horas.
Ás 17:30 horas chegará o momento do espectáculo 'Desconcerto de Nadal'.