A partir do vindeiro luns, 3 de febreiro, a dixitalización chegará ao servizo de Anatomía Patolóxica da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a intelixenxia artificial (IA) servirá de apoio para o servizo.
Ese día comezará a implantación real dun proxecto de dixitalización que será piloto para o resto de servizos da zona sur do Servizo Galego de Saúde.
Vaise substituír o tradicional proceso de diagnose de biopsias usando microscopios por un novo que emprega escáneres de alta resolución que xeran imaxes dixitais, podendo usar tamén sistemas de IA de apoio diagnóstico.
O xefe deste servizo, Carlos Álvarez, explica que este proxecto "mellora o fluxo de traballo, permite uns diagnósticos máis rápidos e precisos, tanto en mostras de rutina como na avaliación de biomarcadores que inflúen nas terapias dirixidas, e garante a seguridade das mostras dos pacientes".
A implantación deste proxecto é resultado de catro anos de traballo e varias inversións por un importe total de 10,3 millóns de euros tanto en equipamento dos laboratorios coma en software específico.
O proxecto comezou no complexo hospitalario universitario de Ferrol como centro piloto e continuouse en Pontevedra.
Desenvolveuse en tres frontes fundamentais: a posta en marcha dos novos equipos, a adecuación dos fluxos de traballo, e a integración das imaxes e mensaxería xeradas co sistema de información do laboratorio.
A área de Pontevedra e O Salnés, coma centro piloto na zona sur do Sergas, incorporou tres escáneres para preparacións e 21 estacións de visualización no seu laboratorio de Anatomía Patolóxica, situado no Hospital Montecelo.
O proceso de dixitalización da Anatomía Patolóxica é o chanzo previo ao emprego de algoritmos de IA no diagnóstico. Neste sentido, está previsto que o Sergas implante nun futuro dous algoritmos vencellados á citoloxía xinecolóxica e ao cancro de próstata, respectivamente.
A área sanitaria pontevedresa aproveitará este proceso de dixitalización para estender aos distintos servizos hospitalarios as peticións electrónicas dalgunhas probas de anatomía patolóxica, que aínda se realizan en formato papel, e para incorporar sistemas de recoñecemento de voz para a elaboración de informes.