Integrantes da Asociación Juan XXIII iluminarán o Nadal de Poio

Poio
28 de novembro 2024

As luces do Nadal de Poio van encenderse este sábado 30 ás 18.30 horas na Praza do Mosteiro cunha festa inaugural baseada na historia de 'Charlie e a fábrica de chocolate'

Nadal en Poio
Nadal en Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio dará comezo á programación do Nadal este sábado 30 cun acto en que o alumnado da Asociación Juan XXIII será o encargado de acender a iluminación festiva do municipio.

O evento, que terá lugar ás 18.30 horas na Praza do Mosteiro, marca o inicio dunha  programación que se estenderá ata o 6 de xaneiro.

A escolla dos alumnos desta entidade sen ánimo de lucro, que traballa pola inserción sociolaboral de persoas con discapacidade, non é casual. Máis de 20 alumnos de Poio participan en actividades nos centros da asociación.

Segundo explica o alcalde Ángel Moldes, "queremos dar visibilidade ao importante labor que desenvolven", destacando o convenio existente entre o Concello e a fundación para tarefas de xardinería nas zonas verdes municipais.

A festa inaugural promete ser un espectáculo memorable, inspirado en 'Charlie e a fábrica de chocolate'.

Baixo o nome de Bulelandia, o evento contará con animación musical a cargo de D Due-Eventos, sesións de maquillaxe con brillantina e tatuaxes para os máis pequenos.

Os asistentes poderán degustar chocolate quente con rosca e recibirán exemplares do calendario ilustrado do municipio.

A programación esténdese por todo o territorio municipal a través de sete Aldeas de Nadal, ubicadas en puntos estratéxicos: os muíños de Samieira, o parque de Lourido, o Adro de San Salvador, a Praza da Chousa de Combarro, o porto de Raxó, a Praza da Granxa de Campelo e a contorna da Igrexa de San Martiño.

Ademais, a carpa Poio Máxico instalada na Seca acollerá parte das case 60 actuacións e actividades itinerantes previstas.

Paralelamente, as asociacións locais Moura Teatro e Os Queimatasas impulsan a iniciativa solidaria 'Caixas da Ilusión', unha recollida de alimentos non perecedoiros que se distribuirán entre as familias vulnerables do municipio.

Ata o 15 de decembro, quen o desexe terá a oportunidade de realizar as súas doazóns en diversos establecementos colaboradores distribuídos por todas as parroquias.

Presentación das Caixas de ilusión en Poio
Presentación das Caixas de ilusión en PoioConcello de Poio