Integración activa para saír das adiccións, “sen guetos e nunha contorna natural”

Pontevedra
15 de novembro 2023

A 'Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada' ten en marcha un programa para promover o coñecemento das técnicas de traballo da agricultura ecolóxica e a intervención no medio natural como ferramentas que axuden a mellorar a calidade de vida de persoas con condutas adictivas e/ou en exclusión social

Usuarios do programa de Alborada nas instalacións de Cotogrande
Usuarios do programa de Alborada nas instalacións de Cotogrande / ACLAD Alborada

A principios dos anos 80, a entrada masiva de heroína provocou un problema de saúde pública e social en España. Entón, ignorábanse os efectos devastadores das drogas. En Galicia acuñouse o concepto de "xeración perdida", en alusión a unha mocidade que viu truncado o seu futuro polas drogas.

Neste contexto, nacía a 'Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada (ACLAD Alborada)'. "Xurdiu no ano 1982 froito da iniciativa dunha serie de cidadáns que estabamos tremendamente preocupados co que estaba a pasar naquela época entre a mocidade. Era a época na que comezaban os consumos de heroína, as mortes por sobredoses, a delincuencia vinculada á droga… E naquel momento non había ningunha resposta das administracións públicas", rememora Jesús Cancelo, director xerente de 'Alborada'. 

Cancelo sinala que hai 40 anos "practicamente non existían centros asistenciais", así que "estas persoas uníronse e decidiron solicitar subvencións a diversas entidades" e crearon, en Tomiño, a 'Comunidade Terapéutica Alborada'. Tras este centro pioneiro, a asociación abriu en Vigo a unidade asistencial de drogodependencias e empezou a desenvolver diversos programas tanto para atender os problemas de adiccións, como para a atención dos adolescentes en situacións conflitivas.

Actualmente, esta entidade atende a aproximadamente 1.800 persoas cun equipo de "60 profesionais do ámbito da medicina, psiquiatría, psicoloxía, orientación social, traballo social, enfermería, etcétera", enumera Cancelo.

VERDEAL

Un dos programas de atención a problemas de adiccións é 'Verdeal'. O obxectivo do mesmo é promover o coñecemento das técnicas de traballo da agricultura ecolóxica e a intervención no medio natural como ferramentas que axuden a mellorar a calidade de vida de persoas con condutas adictivas e/ou en exclusión social, así como aumentar as súas posibilidades de inserción laboral. 

Nun terreo de 5.000 metros cadrados próximo ao aeroporto de Peinador, en Cotogrande (Vigo), cedido pola Comunidade de Montes de Cabral, o programa 'Verdeal' acolleu nos seus 12 anos de traxectoria a máis de 250 persoas de distintos colectivos en exclusión social. Ademais do terreo cultivable, as instalacións contan cun invernadoiro, comedor, cociña e unha zona para diferentes usos, como lavandería.

Consciente das posibilidades deste programa, 'Alborada' ampliou o ámbito das persoas usuarias a residentes nos concellos da Ría de Pontevedra, o que deu lugar á creación do programa 'Restaura'.

RESTAURA

"O programa 'Restaura' pretende atender as necesidades básicas de toda a poboación drogodependente ou con problemas de saúde mental que nos derivan, tanto desde as unidades asistenciais da poboación de Pontevedra, Poio e Marín, como doutras do concello de Vigo e da zona metropolitana. Son persoas con problemática de adiccións ou de saúde mental, e o noso obxectivo é a formación, a integración social, a dotación de todas as necesidades básicas que se poidan cubrir e, no mellor dos casos, que logren emprego", indica Jesús Cancelo.

Axudar a que as persoas usuarias teñan unhas "rutinas saudables" para tentar organizar mellor o seu tempo

O responsable do programa 'Verdeal', dentro do que se desenvolve 'Restaura', é o orientador social Manuel Rodríguez Iglesias. Explica que unha parte do traballo consiste en axudar a que as persoas usuarias teñan unhas "rutinas saudables" para tentar ordenar, organizar e estruturar mellor o seu tempo, empezando polo horario de recollida nun transporte colectivo que os traslada a Cotogrande. 

Unha vez que chegan ás instalacións, "poden almorzar, teñen unhas tarefas ocupacionais de campo, de monte ou de mantemento ao longo do día, e tamén cociña", continúa relatando. Para iso, aprenden a preparar uns menús saudables, nos que incorporan os produtos da horta "e despois levan un taper para casa".

Estes labores axudan a "cambiar as rutinas de vida" de persoas que chegan ao programa en situación de exclusión social ou en grave risco, á vez que se forman en silvicultura e agricultura ecolóxica.

Cremos no que se denomina 'integración activa', non só ser obxectos, senón tamén ser suxeitos da acción

Outra das características deste programa é o seu carácter aberto á poboación en xeral a través de cursos formativos. "Unha persoa que queira aprender a traballar no campo, pode chamar, tomámoslle os datos e pode vir un par de días á semana para aprender cos rapaces", expón o orientador social. "Por que facemos isto? Porque cremos no que se denomina 'integración activa', non só ser obxectos, senón tamén ser suxeitos da acción". 

Esta actuación permite diversificar as relacións dos usuarios para que "non queden de forma pasiva nun gueto". Deste xeito, as actividades abertas melloran a súa integración na sociedade, á vez que se visibilizan as problemáticas asociadas ás adiccións e á saúde mental. "É a única experiencia en Galicia que se está facendo dende o punto de vista do colectivo, por iso cústanos moito dar pasos adiante. Traballar con eles para que sexan axentes de cambio non é sinxelo", matiza Rodríguez Iglesias. 

Testemuños como os de Miguel e Angelines no documental con motivo do 40 aniversario de 'Alborada' demostran a importancia do programa que a asociación leva a cabo na horta de Cotogrande. "Dende que estou aquí érgome, aféitome, cámbiome de roupa. Antes era un vulto sospeitoso, un esquecido, e (agora) son feliz", afirma Miguel Martínez Orellana, cun consumo dende os 14 anos. Igualmente, Angelines Sanmartíns explica cal foi o punto de inflexión na súa adicción, hai 16 anos: "Chegou un día no que me vin ao espello e vin un monstro, non me vin a min mesma, non sabía quen era". Grazas ao programa de 'Alborada', puido tomar as rendas da súa vida: "(agora) síntome realizada como persoa e como todo", afirma.

O programa 'Restaura' da 'Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada' está financiado co Plan Social de Ence Pontevedra, na categoría de loita contra a exclusión social.