Instan aos comuneiros de Cotobade a rozar a biomasa forestal para previr lumes

Cerdedo-Cotobade
24 de marzo 2017

O concello de Cerdedo-Cotobade está a elaborar a ordenanza de corta de madeira e remitiralles o borrador para que fagan suxestións

Xuntanza cos representantes das Comunidades de montes veciñais en man común do territorio de Cotobade
Xuntanza cos representantes das Comunidades de montes veciñais en man común do territorio de Cotobade

O presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza cos representantes das comunidades de montes veciñais en man común do territorio de Cotobade para abordar numerosas cuestións do seu interese, entre as que destacaron o impulso á mancomunidade de montes e a "activación inmediata" das accións de limpeza destinadas á prevención de lumes forestais.

Deste xeito, instouse aos comuneiros, como propietarios e responsables dos seus montes, a que procedan a acometer a limpeza e as rozas necesarias antes do 30 de xuño en aras do interese xeral e para minimizar as situacións de risco que se padeceron o pasado verán.

Nesta liña, lembrouse que os concellos poden ordear traballos de prevención, obrigar a que se facilite o acceso para estas tarefas, acometer directamente a limpeza en caso de lumes e, chegado o caso, impoñer sancións, aínda que Cubela cre que non será necesario "xa que as comunidades de montes de Cotobade son moi responsables".

Polo demais, na asamblea informativa tamén se coñeceu o interese dalgunhas empresas de gran importancia na comunidade galega por arrendar os montes da zona para producir e considérase que hai que afondar neste asunto, xa que pode reportar unha importante vía de ingresos.

En materia económica, tamén se abordou a posibilidade de artellar accións comercializadoras de produtos locais, xurdidos do territorio forestal ou agrícola, baixo un sello de calidade ou dunha iniciativa similar e propia e se convidou aos comuneiros a acoller a técnicos en prácticas da Escola de Forestais da Universidade de Vigo, que está interesada neste territorio tras o proxecto cabalar desenvolvido en Caroi e que podería beneficiar ás asociacións grazas aos seus coñecementos.

Finalmente Cubela tamén informou de que se está a elaborar a ordenanza municipal reguladora da corta de madeira, que é unha das grandes actividades económicas do municipio. Ao respecto, indicou que váiselles remitir o borrador da mesma nas vindeiras semanas para que a poidan enriquecer con suxestións.