Instan ao PP a non recuperar as axudas económicas ás touradas desde a Deputación

Pontevedra
01 de xuño 2023

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas instou ao Partido Popular a respectar o acordo do pleno da Deputación de Pontevedra onde existía o compromiso de non apoiar economicamente as corridas de touros

Praza de touros de San Roque
Praza de touros de San Roque / PontevedraViva

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas instou ao Partido Popular a respectar o acordo do pleno da Deputación de Pontevedra onde existía o compromiso de non apoiar economicamente as corridas de touros, despois de que a correlación de forzas na corporación provincial haxa cambiado tras as eleccións municipais do 28M.

No ano 2015 cos votos de Marea, BNG e PSdeG, o pleno da Deputación acordou non dar soporte financeiro á tauromaquia. 

Galicia, Mellor Sen Touradas sinala que se trata dunha actividade que "apenas segue o 0,03% da cidadanía galega", segundo os datos da Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais que realiza o Ministerio de Cultura.

Esta plataforma antitaurina lembra aos populares que "non existiu ningunha voz contraria a non subvencionar corridas de touros na provincia", polo que piden que o futuro goberno da Deputación "siga o criterio das maiorías sociais e non o dos grupúsculos que apoian estas prácticas totalmente alleas á realidade da comunidade".

No período 2009-2014 o organismo provincial dedicou máis de 120.000 euros a pagar publicidade relacionada coa feira taurina de Pontevedra, e entre 2001 e 2013 houbo axudas ás penas de aproximadamente 25.000 euros, segundo Galicia, Mellor Sen Touradas. A iso súmase a compra de entradas, que só nun exercicio ascendeu a máis de 9.000 euros.