Instan á Xunta a que active a reforma do tramo Fontenla-Combarro na PO-308

Poio
19 de xaneiro 2023

O PSOE e Avante Poio presentarán unha moción conxunta no vindeiro Pleno para formular esta petición, ao tempo que alertan de que "nada de sabe destes traballos" a pesar de que xa foron adxudicados hai máis de medio ano

Instan á Xunta a que active a reforma do tramo Fontenla-Combarro na PO-308
Instan á Xunta a que active a reforma do tramo Fontenla-Combarro na PO-308 / Concello de Poio

Os grupos municipais do PSdeG-PSOE e Avante Poio promoven unha moción, que será levada ao Pleno ordinario de xaneiro, para esixir á Consellería de Infraestruturas que "axilice e acometa canto antes" as obras de mellora no tramo da PO-308 entre Fontenla e Combarro. Unha actuación que a Xunta de Galicia adxudicou en xuño de 2022 e da que "de momento nada se sabe".

Sinalan que este feito supón "un dobre agravio" para a veciñanza, xa que esta paralización tamén impide a realización por parte do Concello da renovación dos servizos básicos no mesmo tramo, un proxecto impulsado desde a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, que dirixe Gregorio Agís.

Precisamente, o portavoz e candidato do PSdeG-PSOE de Poio tamén critica o feito de que desde a Consellería de Infraestruturas non se trasladou ningunha información ao Concello sobre esta situación, polo que se solicita ao Goberno autonómico do PP que "informe ao Concello sobre os prazos previstos, de xeito que poidamos acometer a renovación de servizos".

Neste sentido, Agís lembra que este proxecto xa está adxudicado desde xullo e que se prantexou a súa realización "de xeito acompasado ao mesmo tempo que a actuación da Xunta", co obxectivo de "minimizar ao máximo o impacto dos traballos no tráfico".

Tanto o PSOE como Avante Poio coinciden ao definir como "trato de segunda" o xeito de proceder por parte da Xunta de Galicia con Poio. E sinalan o que sucede coa PO-308, "mentres que en Sanxenxo esta estrada xa está practicamente reformada en toda a súa extensión, en Poio avanzamos apenas a unha obra por mandato, a pesar de tratarse dunha reivindicación veciñal histórica", denuncia Gregorio Agís, que tamén lembra que Infraestruturas segue sen asumir a mellora necesaria da seguridade viaria na PO-303 ao seu paso por Sameira, "facendo caso omiso das peticións veciñais e das mocións aprobadas por esta Corporación".

"A única realidade é que máis de medio ano despois de adxudicar a obra entre Fontenla e Combarro é que nada sabemos da mesma, pese a ser unha actuación de primeira necesidade", sinala o candidato e voceiro socialista, que tamén lamenta o "silencio cómplice" do Partido Popular de Poio. "O señor Moldes non dubida en esixir celeridade ao Goberno municipal en canto a tempos de tramitacións que dependen da Administración autonómica, pero neste tema amosa unha pasividade e connivencia flagrante, polo que é cómplice dunha tardanza que en ningún caso está xustificada".