O Concello de Pontevedra autorizou a instalación dunha pantalla xigante no centro da cidade para seguir a final da Eurocopa que xogará España este domingo 14 de xullo fronte a Inglaterra.
Desde a Deputación indican que a conversación foi fluída co goberno local e decidiuse que o lugar idóneo para seguir o encontro é a Praza de España.
Tal e como confirmou o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, "é o lugar apropiado para seguir a final e creo que todos imos gozala".
Esta iniciativa é similar á impulsada no mes de maio para seguir o encontro de ida da final polo ascenso a Primeira Federación entre o Pontevedra e o filial do Real Betis na Avenida de Montero Ríos, ou a da final do Mundial de fútbol feminino en agosto do ano pasado na Praza da Ferrería.
Tamén Marín, aproveitando a instalación do escenario que albergará diferentes actividades das Festas do Carme, instalará unha pantalla grande para seguir a final da Eurocopa na Alameda antes de que comece o espectáculo musical de orquéstraa Panorama.
En Vilagarcía haberá unha pantalla na Praza da II República, fronte ás escaleiras do Auditorio Municipal e, en caso de choiva, a infraestrutura trasladarase á Praza da Peixería.
No caso de Soutomaior, o goberno local rexeitou a petición da instalación da pantalla xigante, pero autorizará aos locais de hostalería do municipio para instalar dispositivos de difusión, como televisores e proxectores, no exterior dos seus establecementos para seguir o encontro.