Instalarán tres bolardos extraibles en Peregrina para cortar os 'atallos' dos repartidores

Pontevedra
09 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O goberno municipal ordenou a instalación de tres bolardos extraibles para atallar de raíz unha situación que levan detectando desde hai tempo: o paso dos camións de repartición polo tramo peonil da rúa Peregrina, entre a Fonte dos Nenos e Daniel de la Sota ou García Camba

Rúa Peregrina, Pontevedra
Rúa Peregrina, Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno municipal ordenou a instalación de tres bolardos extraibles para atallar de raíz unha situación que levan detectando desde hai tempo: o paso dos camións de repartición polo tramo peonil da rúa Peregrina, entre a Fonte dos Nenos e Daniel de la Sota ou García Camba.

O edil responsable da área de ordenación do territorio, César Mosquera, sostén que por esa zona pasan un gran número de repartidores "como atallo", provocando problemas de inseguridade cos peóns que o Concello quere resolver.

Ademais, asegurou que o paso destes vehículos provoca que o pavimento estea "a cachos" e que haxa que repoñer as lousas "cada dous por tres".

"Non é de recibo pois sabemos que moita xente que sae dun portal ou dun comercio xa tivo algún susto", asegurou Mosquera, que explicou que a decisión de poñer barreiras físicas na calzada chega despois de que esta circunstancia non se resolvera con presenza policial. "A base de presión redúcese un pouco pero non o suficiente", sinalou.

Os tres bolardos, que se instalarán nos próximos días, colocaranse na zona máis estreita da rúa, nas inmediacións da librería Paz.

O concelleiro do BNG subliñou que "se o asunto amaina se volverán a quitar", xa que esta medida está deseñada para ser "transitoria".

Mosquera recoñeceu que esta medida "non resolve o problema das motos", algo que se seguirá controlando a través da Policía Local, nin o dos 'riders', que serán obxecto dunha campaña específica para que cumpran a normativa de circulación.

Recoñece que este é un "problema delicado", xa que se trata de traballadores que cobran por entregas e que, en moitas ocasións, teñen "condicións precarias, pero sostivo que "se saltan as normas e non pode ser", polo que haberá unha maior presión sobre eles.