O Concello de Pontevedra iniciou este venres a instalación dunha rampla que dará acceso á Igrexa do Convento de Santa Clara.
A estrutura metálica estará recuberta de madeira e permitirá entrar no templo dende a rúa Santa Clara, eliminando as barreiras arquitectónicas e permitindo entrar a todas as persoas pola porta da Igrexa.
Con esta instalación abrirán unha entrada accesible e directa ao interior do convento, xa que o único acceso con estas características é a da porta de carros cara a horta e o xardín.
A rampla, segundo o Concello, estará rematada "a finais da vindeira semana", data de celebración da xuntanza da órgano executivo do Placemaking que se reunirá en Pontevedra e que terá como escenario de encontro Santa Clara.
Este sábado 5 de febreiro comezan as visitas guiadas ao convento. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, participan nesta cita saudando o primeiro grupo de participantes nestes roteiros guiados pola instalación.