Instalan paneis para informar das consecuencias da creación dun encoro no río Oitavén

Ponte Caldelas
30 de xullo 2022

Persoas voluntarias colaboran coa Plataforma Encoro Non para situar estes carteis nas praias fluviais de Gaxate, A Lama, Vilán, Ponte Caldelas, nos ríos Verdugo e Oitavén (Fraga e Forzáns) e na ponte colgante de Soutomaior, entre outros puntos da zona afectada

Instalación de paneis informativos contra o encoro
Instalación de paneis informativos contra o encoro / Plataforma Encoro Non

Integrantes da Plataforma en defensa dos Ríos Verdugo e Oitavén Encoro Non realizan unha campaña durante estas xornadas de verán de instalación de paneis informativos en distintos puntos dos catro municipios afectados polo estudo que encargou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para construír encoros en Forzáns ou na Fraga, ademais de transvasar a auga procedente dos ríos Verdugo e Oitavén.

Con esta acción, desde a plataforma quérese sensibilizar á cidadanía local e tamén aos visitantes sobre o impacto negativo que a instalación tería sobre a biodiversidade e no patrimonio natural deste espazo. Queren, sobre todo, difundir que se trata dun "auténtico paraíso" e non dun páramo como trasladaron á opinión pública os promotores do proxecto, segundo indican desde o colectivo.

O persoal voluntario instalou paneis nas praias fluviais de Gaxate, A Lama, Vilán e Ponte Caldelas; ademais en espazos naturais próximos aos ríos en Portasouto (Laxoso), Forzáns e na contorna da ponte Colgante en Soutomaior. Da mesma forma, tamén se posicionaron en núcleos de poboación.

Estes paneis foron elaborados con material biodegradable, segundo a plataforma, para non prexudicar ao medio natual e integrarse na paisaxe. Ofrecen a través de láminas gráficas as consecuencias negativas das opcións que presenta o estudo realizado pola Confederación e, ademais, faise unha chamada ao uso responsable da auga.

Tamén ofrecen información sobre especies endémicas da zona que se atopan en vías de extinción e que corren o perigo de desaparecer en caso de prosperar estes proxectos para a zona.

O colectivo insiste na necesidade de corrixir as fugas que presenta a rede de abastecemento e o sistema de depuración, ademais de fomentar o uso razoable da auga para evitar os problemas de subministración que se rexistran principalmente nas grandes urbes.