Instalan andamios para a retirada das malas herbas das Ruínas de San Domingos

Pontevedra
08 de xullo 2024

Desde a Deputación de Pontevedra indican que vai eliminarse tamén a sucidade superficial do recinto e, despois da retirada da vexetación, será colocado o morteiro para evitar novas aparicións de maneira inmediata

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación, na porta das Ruínas de San Domingos
Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación, na porta das Ruínas de San Domingos / Deputación de Pontevedra

Este luns instalan as estadas arredor das Ruínas de San Domingos para levar a cabo a retirada de vexetación das ábsidas deste monumento histórico pertencente ao Museo de Pontevedra.

Desde a Deputación indican que a intención é que os traballos finalicen esta mesma semana. Durante este período non se poderán realizar visitas aos restos do convento gótico do século XIV.

Segundo indican desde a institución provincial, estas herbas atópanse nas zonas superiores e supoñen un risco para a conservación das instalacións.

Os operarios utilizarán tesoiras de poda, escalpelos, bisturís e paus de hisopo de diferente grosor para coidar as zonas máis sensibles.

Ademais, está previsto eliminar tamén a sucidade superficial con limpeza en seco.

Instalarase morteiro das zonas nas que se retire a vexetación coa intención de que este conglomerado de cal hidráulico evite unha nova proliferación de herbas. Durante os traballos taparán os ocos e vanse a selar as xuntas.