Instalados os lombos para reducir a velocidade na Rolda Leste

Pontevedra
06 de xuño 2021

Despois de detectar a presenza de condutores que superaban ampliamente a velocidade de 30 km/h. permitida nesta vía que conecta a estrada do Marco a Bora coa subida a Montecelo, o Concello de Pontevedra decidiu instalar tres redutores de velocidade e un paso de peóns sobreelevado

Instalación de lombos na Rolda Leste
Instalación de lombos na Rolda Leste / Concello de Pontevedra

Xa se atopan instalados os redutores de velocidade na Rolda Leste, os coñecidos popularmente como lombos, que teñen como finalidade limitar os excesos de velocidade que se detectaban nesta vía que conecta a subida a Príncipe Felipe e Montecelo coa estrada do Marco a Bora. O límite de velocidade é de 30 km/h.

Segundo informa o Concello de Pontevedra, foron creados tres lombos e un paso de peóns sobreelevado, atendendo ás peticións veciñais para aumentar a seguridade viaria. Os traballos inclúense dentro do contrato de mantenemento das vías rurais, que xestiona o concelleiro responsable do Rural, Alberto Oubiña.

A Policía Local realizou medicións nesta zona e obtiña datos de intensidade circulatoria media diaria e velocidade tomando como referencia tres días significativos da semana: un venres ao rexistrarse as máximas intensidades circulatorias; o sábado ao tratarse dun día de transición entre máximos e mínimos; e un domingo como referencia de intensidades mínimas, por ser un día de descanso para a maioría da cidadanía.

Nas tres xornadas tomadas como referencia, a velocidade superou o 30 km/ h. de media. O venres e o sábado, a velocidade situábase nunha media de 50 km/ h, mentres que o domingo alcanzaba o 55 km/ h.

Esta Rolda Leste foi inaugurada en outubro de 2019, ten un trazado de 970 metros e a obra impulsouse desde a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra, cun investimento de 3,3 millóns de euros.

Arquivado en