Unha guindastre tipo pluma traballou durante este mércores para introducir desde o exterior do hospital Montecelo un novo equipamento de resonancia magnética pola fachada deste centro sanitario público pontevedrés.
Para facilitar as manobras de descarga e introdución do núcleo da resonancia foi necesario cortar ao tráfico de maneira puntual.
Tras a instalación e montaxe deste novo equipo de radiodiagnóstico de alta tecnoloxía, virán dúas xornadas de activación en fase de formación. A previsión é que poida entrar funcionar a pleno rendemento a finais de xaneiro.
A resonancia magnética Elition X de Philips substituirá a un modelo anterior xa existente, de maneira que a área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés renovará o seu segundo equipo de radiodiagnóstico de última xeración en Montecelo para facer este tipo de probas diagnósticas.
O novo equipo ofrece técnicas innovadoras de resonancia, á vez que establece novos estándares para investigación clínica en imaxes, baseándose en novos deseños de gradientes. Cunha extraordinaria calidade de imaxe, este aparello realiza exames de resonancia magnética ata un 50% máis rápido.
O investimento no novo equipamento é de 1.109.570 euros, para o que o Servizo Galego de Saúde contou con financiamento do Plan INVEAT (Plan de investimento en equipos de alta tecnoloxía do Sistema Nacional de Saúde).