Modernización e sustentabilidade, con estas dúas palabras o goberno local de Soutomaior define a instalación de catro novos tótems informativos dixitais no municipio.
Esta iniciativa, presentada este venres 4 de outubro, ten como obxectivo principal reducir o uso de cartelería en papel e diminuír o impacto ambiental no municipio.
Os tótems, situados estratexicamente na rúa do Rial, no Pavillón da Montesiña, na Alameda de Talo Río e no Peirao de Arcade, servirán para anunciar a programación de actividades municipais e promocionar os atractivos turísticos de Soutomaior.
O alcalde, Manu Lourenzo, acompañado polos concelleiros Diego Moreira e Charo Bouzón, supervisou a posta en marcha destes dispositivos.
Lourenzo destacou que esta medida permitirá aforrar custos de impresión e reducir notablemente o impacto ambiental a medio e longo prazo.
"Modernizamos a maneira de dar difusión ás nosas actividades, chegando a moitísima máis xente ao tempo que reducimos de maneira notoria o gasto en papelería", explicou Lourenzo.
Ademais do aforro económico e a mellora na difusión, o alcalde fixo fincapé no beneficio ambiental: "Reducimos o impacto que a cartelería en papel produce, xa que moitas veces a chuvia e o vento converten en residuos toda esta papelería antes de que poidamos retirala".
O goberno de Soutomaior ten previsto ampliar o número de tótems informativos noutros puntos do concello, reafirmando así o seu compromiso coa sustentabilidade e a modernización dos servizos municipais.
Este proxecto foi posible grazas a unha subvención para actuacións de embelecemento do litoral galego, enmarcada no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea 'Next Generation EU'.