Inspección de Traballo investigará a situación das Urxencias de Montecelo tras a repunta de covid-19

Pontevedra
16 de outubro 2020

O sindicato de médicos independentes de Galicia O'Mega interpuxo unha denuncia "polo reiterado incumprimento dos protocolos de seguridade na prevención de riscos laborais dos profesionais".  

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus / Mónica Patxot

O sindicato de médicos independentes de Galicia O'Mega interpuxo unha denuncia diante da Inspección de Traballo de Pontevedra contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas) en relación á situación que se esta producindo no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo "polo reiterado incumprimento dos protocolos de seguridade na prevención de riscos laborais dos profesionais".

A denuncia alude ao "incumprimento xeneralizado da obrigación básica de velar pola seguridade e saúde dos traballadores" por "a desprotección fronte aos riscos derivados da exposición ao virus SARS-Cov2 que sofren os facultativos do servizo galego de saúde causada polas condicións de traballo nas que actualmente exercen a súa actividade, tanto nos centros de atención primaria como nos centros hospitalarios".

Especialmente sinalan na súa denuncia as condicións que propiciaron o gromo ocorrido o pasado día 2 de outubro, no servizo de urxencias do Hospital Montecelo, e cuxas causas, a xuízo de O'Mega, teñen a súa orixe en "as dimensións e distribución do espazo de traballo que imposibilitan manter a distancia de seguridade interpersoal requirida".

A maiores citan a "ausencia de barreiras físicas para a sectorización dos postos en áreas compartidas" así como a "deficiente ventilación" dos diferentes espazos para o número de profesionais que han de usalos de forma simultánea.

Ademais sinalan que tras a detección do primeiro positivo, a "errónea valoración dos contactos entre os profesionais" que leva a cualificalos como non estreitos, "minusvalorando a posibilidade de que poidan ser foco de posteriores contaxios e obrigándoos a continuar prestando servizo ata a finalización da súa quenda".

Esta actuación parécelle a este sindicato médico "especialmente neglixente e explica en gran medida a magnitude do gromo".

O'Mega tamén cuestiona que se confíe "en exclusiva" toda a protección ao emprego de máscaras cirúrxicas e respiradores persoais e cita a inexistencia dunha avaliación de riscos específica, e controis periódicos das condicións de traballo. 

Finalmente o secretario xeral de O'Mega, Manuel Rodríguez, sinala a "evidente carencia de medios humanos e materiais" na unidade de prevención de riscos laborais da área sanitaria para exercer efectivamente as súas competencias.

Esta "sensación de abandono e desprotección que sofre o persoal, xera adicionalmente altos niveis de tensións, deterioración da relacións sociais e afectación da saúde psíquica e física", subliña esta denuncia.