Unha inspección de "ciencia cidadá" alerta da deterioración do regato Valdecorvos

Pontevedra
04 de novembro 2024
Actualizado: 12:17

Un grupo de persoas percorreron a integridade do curso do regato Valdecorvos que está ao descuberto comprobando a deterioración da calidade da auga e do estado da contorna fluvial

Saída de ciencia popular polo regato Valdecorvos
Saída de ciencia popular polo regato Valdecorvos / PontevedraViva

Nunha saída de "ciencia popular", organizada o pasado 29 de outubro polo Centro Social A Pedreira, un grupo de persoas percorreron a integridade do curso do regato Valdecorvos que está ao descuberto, desde o antigo lavadoiro da Seca, entre as rúas Fernando Olmedo e Casimiro Gómez, até o humidal próximo ao CEIP Vilaverde-Mourente.

Nese tramo de algo máis dun quilómetro puideron comprobar, xunto aos membros da Asociación veciñal de Altamira-San Antoniño, que a calidade da auga e o estado da contorna fluvial deterioráronse desde que fixeran a última inspección.

Segundo sinalaron, a zona Este da cidade está a crecer e sufrindo cambios importantes que provocan unha deterioración no estado no que se atopa o regato Valdecorvos.

Así, destacaron as verteduras dos aliviadoiros de saneamento localizados na Avenida de Lugo, arrastres de terra existentes nas proximidades do polígono así como as augas fecais detectadas nas inmediacións do CEIP Vilaverde.

Desde A Pedreira aseguran que "a construción de novos proxectos urbanísticos, tanto públicos como privados, a escasos metros das marxes da canle fluvial están constriñendo o medio acuático coa desaparición do hábitat ripícola, o bosque de ribeira e toda a súa fauna asociada".

Advirten ademais, que isto "contribuirá á perda de capacidade de amortecer os efectos das futuras crecidas".

Salida de ciencia popular por el riachuelo Valdecorvos
Saída de ciencia popular polo regato Valdecorvos

Nesta saída de "ciencia popular" constatouse que "a proliferación de plantas alóctonas ou invasoras é tamén un urxente tema a tratar neste río" pois no seu percorrido detectaron "máis dunha ducia de especies diferentes, moitas delas asociadas a ecosistemas que sofrieron perturbacións, naturais ou antrópicas, ou que se benefician delas para a súa dispersión ou implantación".

Constataron tamén un significativo aumento do tráfico de vehículos na zona, movementos de terra, cimentacións e outras obras que aumentaron a cantidade de contaminación, lixo, tubaxes e verteduras que chegan directamente ao curso fluvial, contribuíndo á subida da temperatura da auga, da súa acidez (pH), turbidez, nitratos disoltos nela e tamén diminuíndo o contido de oxigeno dispoñible para a poucos macro invertebrados que así atoparon.

Como proba fixeron analíticas e mostraxes en colaboración coa Asociación ecoloxista ADEGA.

 Saída de ciencia popular polo regato Valdecorvos
Saída de ciencia popular polo regacho Valdecorvos

Por todos estes motivos tan desfavorables desde o Centro Social A Pedreira fan un "forte chamamento" á veciñanza e a todas as persoas que aínda non coñezan este espazo "para achegarse a gozar del e poder comprobar por si mesmos o seu actual estado e pensar no seu porvir. Para que o regato Valdecorvos volva dar de beber a quen pasa".