O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este mércores que as obras da Rolda Leste, financiadas grazas ao convenio entre a institución provincial e o Concello de Pontevedra, comezarán de xeito inminente.
Nestes momentos, logo de resolver cuestións administrativas que demoraron a tramitación, estanse a facer xa os traballos previos, tales como o levantamento topográfico e a asignación da dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde. Nos vindeiros días asinarase coa empresa a acta de replantexo.
"É unha obra de máis de dous millóns de euros, polo que a tramitación levou tempo. Nas vindeiras semanas estarase xa executando", subliñou o deputado.
A firma que levará adiante os traballos é a empresa Elsan, pertencente ao grupo OHL. Preténdese que a nova estrada sirva para substituír o atallo que actualmente se emprega a través das rúas das Pereiras, as Olivas e Ángel Limeses, insuficientes para soportar o tráfico actual. No convenio, asinado en 2013, establécese que a nova infraestrutura servirá para dar acceso ao hospital de Montecelo e para mellorar a mobilidade na zona leste da cidade.
En liñas xerais, a actuación consiste na execución dunha vía dunha lonxitude de 970 metros cunha única calzada e dous carrís de circulación (de 3,50 metros cada un), con beiravías dun metro máis unha berma de 0,75 metros, así como unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo.
O trazado iniciarase na glorieta existente construída na PO-542 dentro da obra de desdobramento da estrada O Pino-Bora. Tomará dirección norleste e, ascendendo cunha pendente máxima do 8,5%, alcanzará a estrada provincial, na que se levantará unha nova rotonda.
A partir dela a pendente suavizarase, discorrendo ata nunha terceira glorieta, que se construirá sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo. Este entronque modificarase para realizar a nova conexión.