Inmaculada Paz Andrade, primeira pontevedresa investida doutora honoris causa pola Universidade de Vigo

Pontevedra
02 de maio 2018

O reitor en funcións e o seu padriño neste acto, José Luis Legido, puxeron de relevo o seu carácter pioneiro. O seu nomeamento como doutora "honoris causa", explicou Paz Andrade, é unha honra que "me llena de alegría" e aproveitou para reivindicar unha Universidade de Vigo "más sensible" ás necesidades de Galicia

A catedrática de Física Aplicada, Inmaculada Paz Andrade foi proclamada doutora honoris causa no Campus de Pontevedra
A catedrática de Física Aplicada, Inmaculada Paz Andrade foi proclamada doutora honoris causa no Campus de Pontevedra / Universidade de Vigo

Aos seus 89 anos, María Inmaculada Paz Andrade converteuse na primeira pontevedresa nomeada doutora honoris causa pola Universidade de Vigo nun acto celebrado na Escola de Enxeñaría Forestal, no campus de Pontevedra.

O Consello de Goberno da universidade acordou o pasado 21 de marzo outorgar a súa máxima distinción a Paz Andrade ou Ada, como lle gusta que lle chamen, que nesta xornada se convertía na honoris número 27 na historia da institución académica nun acto no que salientaba que "ya me sentía unida a esta universidad, ahora lo estoy mucho más por este nexo tangible".

Considerada unha referencia mundial nos ámbitos da microcalorimetría e calorimetría diferencial de barrido, esta catedrática de Física Aplicada foi a primeira muller nomeada, en 1979, visiting research professor da Universidade de Manchester. Previamente, en 1964, foi tamén a primeira profesora adxunta interina na USC, onde en 1983 se convertería na primeira catedrática de Física Aplicada e preto de tres décadas despois sería tamén a primeira investigadora recoñecida coa medalla de ouro da Real Sociedad Española de Física.

Paz Andrade converteuse así mesmo na terceira muller, tras a bióloga estadounidense Lynn Margullis e a poeta e tradutora canadiense de ascendencia galega Erin Moure, en recibir o diploma, o barrete, o libro da ciencia e da sabedoría, o anel, as luvas brancas e a medalla que a distinguen como honoris causa

Foi nun acto no que o catedrático de Física Aplicada José Luis Legido, responsable de propor a súa candidatura xunto a Marta María Lado, exerceu como padriño desta "muller pioneira", que, salientou, dedicou "45 anos sen descanso á investigación científica".

O reitor en funcións da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o reitor da UDC, Julio Abalde, presidiron un acto que reuniu na Escola de Enxeñaría Forestal a diferentes autoridades. Entre elas, a presidenta do Congreso dos Diputados, Ana Pastor; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; ou o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

No que será un dos seus derradeiros discursos antes de abandonar o cargo, Matou destacou os méritos de Paz Andrade, quen foi a súa profesora de Física ao chegar á USC. "Non me pasou desapercibida. Nin daquela, nin agora. Muller pioneira que se impón nun mundo totalmente masculino onde predominaban no azul mariño e o gris escuro", asegurou Mato, que dixo aprender da nova honoris a capacidade de escoitar, ao tempo que destacou o seu compromiso co seu país. 

Na súa intervención, Inmaculada Paz Andrade explicou que comezou os seus estudos de Ciencias na Universidade de Santiago "sin entusiasmo ni vocación", que era a medicina, para despois descubrir que "me encantaba trabajar en el laboratorio".

Así comezou unha longa traxectoria como investigadora na que introduciu a microcalorimetría en España e creou escola nesta especialidade, tanto que en 1994 a prestixiosa revista "Journal of Chemical Thermodynamics" dedicoulle un número monográfico.

Paz Andrade lembrou ademais que nas súas tres décadas de colaboración coa Universidade de Manchester traballou, entre outras investigacións, no desenvolvemento dunha fórmula do complexo que substituiría ao platino como catalizador na análise química de hidrocarburos.

Durante a súa traxectoria, dirixiu 39 teses de doutoramento, publicou preto de 20 libros e coordinou 29 proxectos de investigación, entre eles un centrado no desenvolvemento de sistemas informáticos para loitar contra os incendios forestais en Galicia, que impulsou en 1999 en colaboración con máis de corenta especialistas.

O seu nomeamento como doutora "honoris causa", explicou, é unha honra que "me llena de alegría" e aproveitou para reivindicar unha Universidade de Vigo "más sensible" ás necesidades de Galicia e a creación dunha facultade de ciencias xeolóxicas que leve o nome do "extraordinario" científico galego Isidro Parga Pondal.