Unha nova cabina de aplicación de radiacións ultravioletas atópase xa instalada no servizo de Dermatoloxía do Hospital do Salnés para prestar tratamentos de fototerapia aos pacientes do distrito sanitario de Arousa.
O novo elemento para tratamentos terapéuticos atópase na área de consultas do centro sanitario de Ande-Rubiáns e permitirá atender patoloxías como a dermatose, a psoriase, a dermatite atópica ou a vitilixe. Tamén é eficaz no tratamento de certos linfomas cutáneos e outras afeccións dermatolóxicas para pacientes sen resultados positivos en tratamentos previos, segundo indican desde a área sanitaria.
José Flores, xerente da área de Pontevedra-O Salnés, e María Encarnación Lucas, directora do distrito do Salnés, supervisaron este sistema con Carlos Pol, subidrector de enfermería, e María Eugenia Mayo, coordinadora de Dermatoloxía.
O equipamento manéxase de maneira telemática. A fototerapia ofrece garantías de seguridade e eficacia desde hai máis de tres décadas, segundo indican desde a área sanitaria.
A aplicación deste tratamento, que se pode combinar con outros para determinadas doenzas, efectuarase por profesionais de enfermería especialmente formados polo servizo de Dermatoloxía.
A duración de cada sesión varía, desde segundos a poucos minutos, dependendo das patoloxías e as doses programadas aos pacientes.
Desde a xerencia da área sanitaria calcula que a nova cabina facilitará tratamentos a ao redor de 2.000 pacientes da comarca cada ano.