Inicio da campaña de vacinación da terceira dose covid coa antigripal para maiores de 80 anos

Pontevedra
25 de outubro 2021
Actualizado: 20:00

60 persoas que recibiran a segunda dose da vacina anticovid hai seis meses eran citadas na mañá deste luns 25 de outubro no Centro de Saúde da Parda. Ata o 14 novembro está previsto que se realice esta campaña de administración conxunta. Segundo explicou o director de Enfermaría, Juan Vázquez, establécense 13 puntos de vacinación na área sanitaria

Inicio da campaña de vacinación da terceira dose contra a covid e a antigripal
Inicio da campaña de vacinación da terceira dose contra a covid e a antigripal / Mónica Patxot

Elena Ameijeiras cumpría este domingo 88 anos de idade. Acompañada pola súa neta, esta mañá achegábase ata o Centro de Saúde da Parda para recibir a terceira dose de Pfizer e a vacina antigripal. É unha das sesenta persoas, maiores de 80 anos e que sumen máis de seis meses coa segunda dose da vacina  anticovid, citadas este luns no centro sanitario pontevedrés entre as 09.30 e as 14.30 horas para recibir as dúas vacinas, unha en cada brazo.

Secundino Alonso, de 87 anos, coincide tamén na Parda para recibir esta administración conxunta. Leva anos inoculándose a antigripal e, durante días, lembráballe á súa familia que, nesta ocasión, quería que lle aplicasen ao mesmo tempo a terceira dose anticovid. "Ningunha reacción e hoxe tampouco. Estou completamente ben", manifestaba á saída do centro de saúde.

En cambio, José Aboal, con 84 anos, só aceptou a anticovid. Alega que no ano 1970 inxectáronlle a vacina contra a gripe e "deume unha febre coma un mundo. Para que a vou poñer se estou ben", afirma este pontevedrés que tamén manifesta o seu malestar polo tempo de espera. 

Eles forman parte do 75% das persoas citadas que a media mañá xa se achegaron ata o centro sanitario citados a través de mensaxe SMS durante os últimos días para recibir as dúas vacinas, se así o desexan. 

Marina González Zar, responsable de Enfermería Familiar Comunitaria, indicaba que a cita é para administrar a vacina de reforzo e, unha vez no centro, ofrécese a opción de vacinarse contra a gripe. Coas vacinas restantes tamén se atenderá a pacientes inmobilizados de máis de 70 anos en domicilios privados e tamén en centros residenciais. 

Ademais, tamén se iniciou a campaña só de vacina contra a gripe para maiores de 65 anos a través de citación ordinaria coa enfermeira dos centros de Atención Primaria. Está previsto que a partir do 15 de novembro se abra a campaña da gripe a persoas entre 60 e 65 anos e tamén para poboación con factores de risco. O 29 de novembro aumentaríase a conviventes de persoas de risco e poboación diana.

Por primeira vez, a campaña de vacinación antigripal realízase de maneira graduada, segundo manifestaba Mariña González, para evitar aglomeracións e priorizar a aquelas persoas con maior risco, tal e como se realizou durante todo o procedemento de vacúas  anticovid. "Tivo bo resultado graduando e coa gripe decidiuse aplicar tamén", sinala esta responsable de Enfermería na Parda.

Advirte que a reacción que se poida rexistrar con esta administración conxunta é a mesma que se se realiza por separado. "Nin se suma nin se multiplica", asegura. Indica tamén que se  inocula tanto  Pfizer como Moderna segundo dispoñibilidade destas vacinas ARN mensaxeiro.

Para esta campaña, a área sanitaria conta con trece puntos de vacinación nos centros de saúde de Ponte Caldelas, A Parda, Virxe Peregrina de Pontevedra, Lérez, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Marín, Sanxenxo, Terra de Montes-Cerdedo, Vilaboa, Vilanova de Arousa, Hospital Montecelo e Hospital do Salnés.

Estenderase ata o 14 de novembro, segundo indica Juan Vázquez Vilar, director de Enfermería da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Durante este período continúa aberta a opción para aquelas persoas que non tivesen ocasión de vacinarse previamente ou queiran iniciar agora o seu proceso de vacinación acudir ao sistema de autocita ou mesmo sen ter cita solicitada.

CAMBIOS POR CUESTIÓNS DE CAPACIDADE

Fontes de coordinación de vacinación da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés sinalan que, por cuestións de capacidade de determinados centros de Atención Primaria e de acceso os pacientes aos que lles corresponde o Servizo de Atención Primaria de Poio - Anafáns (CS Anafáns, CS Combarro e CS Raxó) están sendo citados para vacinarse de terceira dose covid e da gripe no Hospital Montecelo.

A aqueles aos que lles corresponde o Servizo de Atención Primaria de Caldas de Reis (CS Caldas de Reis, CS Moraña, CS Cuntis e CS Portas) son citados na Tafona (Caldas de Reis), e aos que lles corresponde o Servizo de Atencíón Primaria de Vilagarcía-San Roque (CS San Roque, CS Catoira e CS Vilaxoán) son derivados ao Hospital do Salnés.