A Policía Local de Poio ten en marcha unha iniciativa solidaria coa que aspira que todas as familias do municipio circulen de forma segura nos seus vehículos e conten cos sistemas de retención infantís axeitados para os menores.
Desta maneira, mantén activa durante todo o ano a recollida de sistemas de retención infantís e este xoves unha veciña de Poio achegouse para entregar unha cadeira de coche para que outras familias sen recursos poidan dispoñer deste elemento de seguridade para os seus fillos.
Desde a Policía Local aproveitan esta doazón para solicitar que se outras familias dispoñen de cadeiras en desuso as entreguen para outras familias que o precisen.
Tamén lle fan saber ás familias que precisan unha para os seus fillos e non dispoñen de medios, que se poden poñer en contacto coa Policía Local.
"Entre todos acadaremos que os nenos de Poio viaxen seguro", sinalan desde o Corpo policial.