Iníciase a instalación da rede separativa de augas na rúa Porta Grande

Pontevedra
07 de abril 2019

A obra recóllese dentro das melloras do novo contrato do ciclo da auga, o proxecto complétase coa instalación de iluminación led e coa urbanización de toda a rúa, que está situada en paralelo a Conde Bugallal

Obras de saneamento en Verducido
Obras de saneamento en Verducido / Concello de Pontevedra

Este luns comeza o segundo proxecto de saneamento vencellado ás melloras do novo contrato do ciclo de auga que a empresa Viaqua asinou co Concello de Pontevedra.

Trátase dunhas obras que se afrontan en Porta Grande, unha rúa paralela a Conde Bugallal. Neste punto da cidade está prevista a instalación dunha rede separativa e a reurbanización da rúa con nova iluminación, de tipo led.

Van instalarse, nos vindeiros días, as tubaxes da rede separativa de augas pluviais e fecais. Ademais, está prevista a creación dunha plataforma única con calmado de tráfico.

Dentro deste contrato, xa se iniciou outra obra, que se centra no saneamento de Verducido, a única parroquia que carecía deste servizo no rural pontevedrés, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra. O custo da obra supera os 7.787.000 euros.

Dentro deste contrato do ciclo de auga está previsto o investimento de 25 millóns no saneamento do rural pontevedrés, que realizará Viaqua. Xa se está traballando no proxecto de saneamento de zonas das parroquias de Campañó e Santo André de Xeve, ademáis do previsto na rúa Echegaray.